O vindeiro xoves, 22 de xullo ás 20:00 h, o Auditorio da Casa da Navegación acollerá a conferencia ‘O Turismo en Baiona de Galicia: o nacemento do sector turístico local’ a cargo de Víctor Miguel Fernández, Máster en Dirección Internacional do Turismo.
A conferenciaé unha presentación parcial do Traballo Fin de Máster en Dirección Internacional do Turismo (URJC, 2020) sobre as orixes do sector turístico local e os establecementos da Idade de Ouro (1887-1936), que foi distinguido pola organización REDINTUR en novembro do pasado ano como un dos mellores traballos turísticos de posgrao a nivel nacional.
O relatorio estará enfocado nas grandes transformacións e avances que sufriu a vila durante o século XIX, expoñendo de forma dinámica e de maneira gráfica distintos aspectos como son as propias orixes do municipalismo baionés, a construción da estrada de Vigo á Garda pola costa, os primeiros transportes e aloxamentos turísticos, a fundación das primeiras sociedades recreativas e a chegada do lecer, a privatización turística da fortaleza de Monte Real, a importancia cultural das festas de San Cosme, a chegada dos primeiros empresarios turísticos á vila, o inicio da Idade de Ouro do turismo en Baiona, a aparición da barriada de chalés de estilo inglés e hoteis modernos como consecuencia das crises de masificación turística de finais do XIX, o IV Centenario do Descubrimento, a construción da Casa de Baños da Concheira, e os principais impactos do turismo na política e a economía da vila a finais do XIX e principios do XX.
Durante o relatorio realizarase unha introdución á actual tese doutoral que se comezou a desenvolver a partir deste pasado curso 2020/21 sobre a evolución do turismo en Baiona como caso de estudo sobre a importancia da Historia do Turismo na planificación estratéxica sostible dos destinos locais, que deriva das investigacións históricas realizadas para o TFM. A investigación levada a cabo para o TFM deriva, á súa vez, das primeiras investigacións histórico-turísticas realizadas para o Traballo Fin de Grao en Turismo (URJC, 2019) baixo o título “O Turismo en Baiona de Galicia: Horizonte 2050”, o cal trataba acerca da elaboración dun Plan Estratéxico de Turismo sostible a longo prazo para a vila.