Luns, 4 Novembro de 2024

Xoán Carlos González, candidato do BNG ás municipais do 2023 en Redondela

Apoio unánime da Asemblea Local para que o actual voceiro “volva a levar ao nacionalismo ao goberno municipal”

A organización nacionalista celebrou a súa Asemblea Local na tarde do pasado mércores, coa finalidade de elixir á persoa que ocuparía o primeiro lugar na candidatura ás eleccións municipais do vindeiro ano.

A proposta de que o actual voceiro municipal Xoán Carlos González Campo ocupe o primeiro lugar da lista nacionalista, contou co apoio unánime da asemblea. Nas diversas intervencións, destacouse a capacidade de traballo do edil nacionalista, a súa implicación na política municipal, xunto ao seu compromiso coas problemáticas dos e das redondelás.

A continuación celebrouse un acto no que se convidou a simpatizantes e persoas achegadas ao BNG para que foran as primeiras en saber quen encabezaría a candidatura nacionalista.

Na súa intervención ante a Asemblea Local o xa candidato, expresou o seu agradecemento á confianza “e responsabilidade” nel depositada polos compañeiros e compañeiras. Puxo en valor o traballo da súa compañeira de grupo a concelleira Jéssica García, que en pouco tempo “converteuse en referente do nacionalismo e do feminismo en Redondela”.

Referiuse aos discursos triunfalistas do Partido Popular xogándoo todo á carta dunha persoa que deixou tirada a Redondela no 2019, renunciando daquela á responsabilidade como líder da oposición, en clara alusión a Javier Bas. “Outros nos mantivemos onde nos correspondía, negociando e realizando propostas construtivas que beneficiaran aos nosos veciños e veciñas”.

Para o candidato nacionalista, os gobernos formados por dúas forzas políticas amosan a pluralidade da sociedade na que vivimos. Considera totalmente vixente este modelo, que debe marcarse unhas prioridades de acción, poñendo ao acento no equilibrio de forzas. “Aspiramos a equipararnos ao Partido Socialista, para poder conformar un goberno en igualdade de condicións, actuando coordinadamente polo interese común”.

Amosou Xoán Carlos González, a súa confianza en que o BNG vai participar do goberno municipal en Redondela a partires de maio do 2023. Situou a súa principal aspiración “en aglutinar arredor da nosa candidatura o apoio daquelas persoas que acreditan en que actuamos en política co obxectivo de defender os intereses colectivos das redondelás e dos redondeláns”.