Mércores, 11 Decembro de 2024

Unha subvención da Deputación de Pontevedra permitirá recuperar a Fonte de Santiago situada no casco urbano redondelán

A iniciativa enmárcase dentro dunha acción global do Goberno de Redondela para a rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural do municipio

A Deputación de Pontevedra vén de conceder ao Concello de Redondela unha subvención de 10.667 €  para a rehabilitación da Fonte de Santiago, elemento patrimonial situado no casco urbano redondelán. O proxecto foi redactado polo arquitecto Luís Gil Pita en colaboración co técnico do Servzio de Normalización Lingüística de Redondela e está previsto que as obras comezan no primeiro semestre do vindeiro 2021.

A recuperación da Fonte de Santiago, tal e como explican a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de patrimonio, María Castro, enmárcase dentro das distintas actuacións que o Goberno local “está desenvolvendo en materia de rehabilitación, conservación e posta en valor de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico do municipio”.

Nesa liña de actuacións, lembra a alcaldesa, o Concello levou a cabo a recuperación da Fonte da Raíña, en Cedeira; a rehabilitación do edificio do antigo Conservatorio na rúa Isidoro Queimaliños ou a recuperación do cemiterio de Eidos.

“Todas estas actuacións e as que se seguirán desenvolvendo –apunta Digna Rivas– teñen un dobre obxectivo, evitar a desaparición do noso patrimonio e por tanto da nosa historia e, ao mesmo tempo, dalo a coñecer e poñelo en valor como parte inseparable da identidade de Redondela”.

Nova subvención ao Servizo de Normalización Lingüística

Doutra banda, compre salientar que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, vén de conseguir unha nova subvención da Deputación de Pontevedra que achega 2.072,12 € pola homenaxe que o Concello rendeu a Xohana Torres o pasado 26 de xullo.

A poeta galega conta dende ese día cun espazo propio como é o parque infantil da Alameda de Redondela, onde se instalou un panel informativo con información tanto para crianzas como para adultos. Ademais, nas actividades organizadas polo SNL para celebrar o Día Nacional de Galicia , ofreceuse un concerto a cargo de Antía Muíño e un recitado de poemas de Xohana Torres.

Esta axuda, dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes que presentasen actividades de dinamización lingüística, súmase a outra subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para o reforzo do SNL de Redondela cunha cantidade que ascendeu os 20.000 €.

O Concello de Redondela tiña previsto anunciar unha campaña de promoción da cultura e da lingua galegas no sector do comercio que se tivo que paralizar polas extraordinarias circunstancias sanitarias. De todos os xeitos, o Concello de Redondela, tal e como explica a concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, agarda no 2021 “retomar este proxecto e amplialo con novas medidas que favorezan a reactivación da economía do comercio local onde a cultura e o idioma ocupen un lugar sinalado para confirmar a Redondela como un dos municipios referentes da cultura en Galicia”.