O Concello de Redondela está a traballar na posta e marcha de novas infraestruturas deportivas neste mandato. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, afirma que desde o goberno local son “moi conscientes” da necesidade dun novo pavillón en Chapela “para cubrir as grandes necesidades derivadas do crecemento de disciplinas como a patinaxe, o balonmán ou o fútbol sala feminino, entre outros”. Ademais da demanda dos clubs deportivos, está tamén a dos centros de ensino “xa que ningún centro escolar de Chapela conta cunha pista cuberta para poder facer deporte”, explica o concelleiro da área de Deporte e tamén de Ensino. Esta necesidade tamén foi trasladada desde o Concello á consellería de Educación “para que lle poña remedio”, xa que o pavillón municipal Manuel González Soto ten que acoller tamén ao alumnado do IES Chapela “para que poidan desenvolver alí as súas clases de educación física”.
Outro dos temas nos que leva tempo traballando o executivo redondelán é a creación dunha pista de atletismo “que tanto merecen os atletas do club redondelán”, e que é un compromiso do goberno de Digna Rivas. O atletismo é unha disciplina en crecemento en Redondela, e os resultados dos deportistas do municipio están a ser “extraordinarios”, recoñece o concelleiro, que conta entre os seus obxectivos “fomentar a práctica de deportes ao aire libre”. Valles é consciente da dificultade que supón poñer en marcha un proxecto deste tipo, xa que se precisa dun gran espazo para cumprir coas dimensións dunha pista regulamentaria, pero desde o Concello “valoran diferentes alternativas para poder facelo realidade”.
En canto aos deportes náuticos, de gran peso e tradición en Redondela, o obxectivo do responsable de Deportes é poñer en marcha unha instalación para estas disciplinas en Cesantes. Trataríase dun novo Centro de Deportes Náuticos. Para Valles os clubs de remo de Chapela e Cesantes “son un motivo de orgullo para o Concello”, por iso os seus esforzos vanse centrar en dotalos de instalacións “que permitan manter a tradición desta práctica deportiva, ademais de fomentar outros deportes de mar, xa que temos un litoral con moito potencial”. Unhas novas instalacións permitirían tamén contar cun espazo axeitado “para as embarcacións e o material de salvamento marítimo de Protección Civil”, sinala o responsable da área deportiva do Concello.
Trátase de proxectos ambiciosos para os que o goberno local confía en contar “co apoio unánime do resto de grupos da corporación”, así como coa colaboración do goberno autonómico “xa que a ninguén se lle escapa que se trata de grandes inversións que a administración local non pode asumir en solitario”. Por outra banda Valles advirte da necesidade de seguir mantendo en boas condicións as instalacións deportivas xa existentes, que son moitas e que deben estar sempre nun estado óptimo para a práctica deportiva.