14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela substituirá o actual alumeado público das parroquias por luminarias de tecnoloxía...

    Redondela substituirá o actual alumeado público das parroquias por luminarias de tecnoloxía LED

    A contratación, por primeira vez, de tres persoas para reforzamento dos servizos eléctricos permite que se acometa un ambicioso plan de mellora e modernización deste servizo público básico que será realizado por persoal municipal e financiado con fondos propios do Concello

    A Concellería de Servizos Públicos Básicos, que xestiona Vicente Lamas e na que se inclúen os Servizos Eléctricos, desenvolverá un ambicioso plan de renovación e modernización do alumeado público das parroquias para substituír as actuais luminarias por outra dotadas de tecnoloxía LED.

    Os traballos que supoñen un investimento de preto dos 70 000 euros, serán financiados por fondos propios do Concello e realizados con persoal municipal. Evitar a externalización do servizo é, ao entender da alcaldesa Digna Rivas “un xeito de diminuír custes e ter control directo sobre os traballos que se realicen. No Concello contamos con persoal máis que cualificado no servizo eléctrico para a realización destas tarefas e que, ademais, contará co reforzamento de tres persoas contratadas a través do Plan Concellos.

    O prazo de presentación de ofertas para este contrato, atópase xa exposto na Plataforma de Contratación do Sector pública (https://contrataciondelestado.es) e na páxina web do Concello de Redondela (https://redondela.gal).

    “O alumeado público é un servizo básico para a cidadanía ao mellorar non só a comodidade á hora de realizar desprazamentos nas horas nocturnas, senón tamén as súas condicións de seguridade”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas que puxo en valor o feito de que “por primeira vez, un Goberno local decide reforzar o persoal destinado a este departamento, con tres operarios, para mellorar o servizo que se presta á cidadanía”.

    Os traballos a realizar permitirán a substitución, nunha primeira fase, de preto de 1000 luminarias que serán cambiadas por outras de tecnoloxía LED de maior duración e menor consumo o que permitirá un substancial aforro ás arcas municipais e, a maiores, reduce a denominada ‘pegada de carbono’, diminuíndo as emisións de CO2.

    A estas labores sumarase o cambio do cableado do tendido eléctrico “naqueles lugares que as circunstancias e os informes técnicos o fagan preciso para, desa forma, optimizar o servizo que prestan”, explicou a alcaldesa.

    A mellora dos servizos básicos á cidadanía, e de maneira especial o alumeado público das parroquias, é unha das prioridades do Goberno socialista dende a súa chegada ao Concello consciente de que “non pode haber veciñanza de primeira e de segunda dependendo do seu lugar de residencia”, afirma rotunda a alcaldesa de Redondela, “a veciñanza paga os seus impostos e, polo tanto, todos e todas teñen dereito a uns servizos públicos de calidade”, conclúe a rexedora local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.