O Concello de Redondela e o Concello de Pontevedra, xunto coa Sociedade Antropolóxica Galega e coa colaboración do SNL de Redondela e o Museo de Pontevedra, organizan unhas xornadas adicadas ao egrexio intelectual redondelán Casto Sampedro. Esta actividade de dous días de duración, busca dar a coñecer diversos aspectos de Casto Sampedro pero tamén outros aspectos da actual investigación antropolóxica.
As xornadas comezarán o venres 3 de maio ás 17:30 horas, na Casa da Cultura de Redondela, coa presentación das xornadas a cargo de Rafael Quintía e de Xulia Feixoo. As 18 horas, relatorio de Xavier Groba Ao ronsel de Casto Sampedro: estado actual da etnomusicoloxía galega. De seguido, cara ás 18:45, relatorio de Beatriz Busto baixo o título Galicia conxelada. A necesidade da reflexión antropolxgica na actualidade.
Logo dun descanso, ás 19:45 horas, conferencia de Rafael Rodríguez, Entre sachadores e burócratas. Un vistazo á arqueoloxía galega actual. A xornada do venres, rematará coa mesa redonda e coloquio final que dará comezo cara ás 20:30 horas.
O sábado 4 de maio as actividades continúan en Pontevedra ás 10:30 horas, nas ruinas de San Domingos, co concerto de Os Trubincos do Batán e ás 10:45 comezará unha ruta por Pontevedra, que se desenvolverá baixo o título de Tras as pegadas de Casto Sampedro en Pontevedra, a cargo de Telmo Crespo.