Os concelleiros de Sostibilidade, Roberto Villar, e Ensino, Iván Valles, visitaron esta mañá o CEIP de Cedeira para facerlle entrega dunha papeleira deseñada e elaborada polo carpinteiro municipal.
O colector foi unha petición do centro escolar “para reducir o uso de plástico nas merendas da rapazada e fomentar o residuo cero”, sinala a mestra Jessica Rodríguez Piñeiro. A profesora explica que solicitaron unha papeleira cunha cara transparente “para que os nenos e nenas vexan cantos residuos se xeran nun recreo e ao longo dos días con todo o plástico dos paquetes de galletas, etc.” O obxectivo é fomentar merendas máis saudables como a froita “e que ademais non deixan residuos”. O director do centro, José Luis Ojea, agradeceu a colaboración do Concello coa doazón desta papeleira “cun deseño e unha feitura moi prácticos e axeitados para o seu uso por parte do alumnado”.
O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor o traballo do carpinteiro municipal “que se encargou do deseño e fabricación da peza” que é un colector verde cunha fiestra en forma de mazá. Iván Valles, responsable de Ensino, amosouse tamén satisfeito do proxecto posto en marcha polo centro “que fomenta entre os nenos a redución dos residuos cunha aprendizaxe práctica nos recreos escolares”.