11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela celebra no cupón da ONCE a súa Festa da Coca

    Redondela celebra no cupón da ONCE a súa Festa da Coca

    Cinco millóns de cupóns para o sorteo do mércores 8 de xuño, serán os encargados de difundir esta festa declarada de Interese Turístico de Galicia

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar Conde, director da ONCE en Vigo, acompañados pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron esta mañá a imaxe do cupón que, no sorteo do vindeiro 8 de xuño, será o encargado de difundir a Festa da Coca de Redondela.

    A alcaldesa Digna Rivas agradeceu á ONCE e ao seu director en Vigo “o apoio desta organización á festa da Coca a través dun dos sorteos máis arraigados entre as veciñas e veciños como é o cupón e que, amais dos premios que outorga, contribúe a mellorar a calidade de vida de todas as persoas que forman parte da ONCE”.

    “A Coca gracias a esta iniciativa –afirmou Digna Rivas– terá este ano 5 millóns de escaparates nos que seguir dando a coñecer una das nosas festas máis emblemáticas e unha tradición secular”.

    O cupón, do que se farán 5 millóns de exemplares, está ilustrado cunha imaxe dun dragón como o que os mozos mariñeiros de Redondela someteron para dar orixe a esta festa Para celebrar esa vitoria, os mozos celébrano, ano atrás ano, coa Danza das Espadas, acompañados polas penlas –nenas vestidas de branco con pequenas ás que representan ás virxes–, que van aos ombreiros das burras, mulleres que simbolizan ás nais.

    A procesión da Virxe da Gabacha, as alfombras florais e a escenificación da morte da Coca fan as delicias de habitantes e turistas que enchen Redondela para gozar dunha festa que vai desde a noite anterior ao xoves de Corpus ata o domingo.

    Di a lenda que o dragón moraba preto de Redondela, nos mares que rodean a illa de San Simón. E achegábase á localidade esnaquizando todo e levándose ás novas. Na festa a besta desfila pola localidade o xoves de Corpus fuxindo da Virxe da Gabacha que marcha en procesión, baixo unha choiva de pétalos, polas rúas cubertas de alfombras florais.

    Esta festa ten os seus inicios en 1482. Redondela e os gremios achegaban imaxes á procesión, xunto con danzas e outras representacións; pervivindo a loita de San Jorge co dragón (Coca). As primeiras noticias sobre a Danza das Espadas de Redondela datan do século XVI.

    Respecto ao nome da Coca, algúns o sitúan no termo latino cocatrix (crocodilo); hai documentos que falan de coqueriz; sen esquecer a quen cre que ten a súa orixe no ‘coco’ ou monstro infantil, e aos que a relacionan co xigante tricéfalo Caco, fillo de Vulcano.

    O Cupón Diario da ONCE pon en xogo un premio de 500 000 euros ao número máis a serie, e 49 premios de 35 000 euros ás cinco cifras do número premiado. Ademais: 450 premios de 250 euros ás catro primeiras cifras e outros 450 premios ás catro últimas; 9000 premios de 25 euros no caso de tres últimas ou tres primeiras; e o mesmo para as dúas primeiras e últimas (6 euros), e reintegro de 2 euros á primeira ou a última cifra do número premiado.

    Os cupóns da ONCE comercialízanse polos máis de 19 000 vendedores e vendedoras da Organización. Ademais, pódense adquirir desde www.juegosonce.es, e en establecementos colaboradores autorizados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.