8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela aproba o pagamento de axudas a un cento de empresas e...

    Redondela aproba o pagamento de axudas a un cento de empresas e persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da Covid

    Esta será a terceira liña de axuda que o Concello de Redondela, coa axuda da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos, destina a paliar os efectos producidos pola Covid-19 no tecido comercial e empresarial

    Un total de 100 empresas e persoas traballadoras autónomas recibirán nos vindeiros días o pagamento das axudas que o Concello de Redondela, en colaboración coa Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, destina a paliar a diminución ou paralización de actividade que a crise sanitaria provocou a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas con domicilio fiscal e local comercial no termo municipal de Redondela.

    Das cen empresas beneficiarias destas axudas –as terceiras que o Concello de Redondela concede dende o inicio da pandemia–, un total de 98 recibirán a cantidade fixa de 851,77 € mentres que as dúas restantes recibirán a cantidade que xustificaron á hora de presentar as súas solicitudes.

    As poucas solicitudes rexeitadas correspondían a empresas que, ou ben non tiñan o domicilio fiscal en Redondela –condición estipulada nas bases– ou incluíanse noutros supostos como ter débedas coa facenda municipal, non estar exentas no IAE 2021 ou non figurar no censo de actividades económicas da AEAT no exercicio do 2021 e non ter local afecto á actividade.

    A concelleira de Comercio María Castro, resaltou a importancia de “seguir adoptando medidas que minimicen o impacto económico provocado pola Covid-19 e que contribúen a preservar o tecido económico redondelán”.

    A nova liña de subvencións, engade a alcaldesa Digna Rivas, “non deixa de ser un xeito de protexer os intereses xerais da veciñanza de Redondela ao dar soporte ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e pequenas empresas”.

    A rexedora redondelá salientou “a implicación da Deputación” e expresou o seu agradecemento “pola sensibilidade que sempre amosou con este municipio”.

    Cómpre lembrar que en decembro do 2020, nunha primeira convocatoria, concedíanse un total de 72 axudas por importe superior a 42.000 euros e tan só un mes despois, en xaneiro do 2021, outorgábanse outras 32 subvencións, esta vez dirixidas especificamente ao sector da hostalaría, por máis de 9.600 euros. Para esta terceira convocatoria de axudas, o Concello destina preto de 85.000 euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.