Dende onte sábado e ata o vindeiro día 21, o Multiúsos da Xunqueira de Redondela, acolle a mostra ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’, unha exposición que pretende reivindicar a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936 cunha escolma da historias de represión sufridas por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.
A exposición chega a Redondela logo de que o Colectivo Republicano se puxera en contacto co Concello para que tramitara a súa solicitude á Deputación de Pontevedra. A alcaldesa Digna Rivas, agracedeu “o enorme interese e determinación” amosado polo Colectivo Republicano de Redondela para que ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ poida amosar á veciñanza “a realidade dun dos episodios máis escuros da nosa historia recente”.
“Grazas a esta iniciativa e das terribles imaxes que ofrece –engadiu a rexedora local– podemos aprender para que un feito semellante nunca máis volva a acontecer”. Rexas é “unha ollada obrigada ao pasado máis duro e triste, para poder mirar ao futuro con esperanza”.
Na inauguración da exposición a súa creadora, a xornalista e escritora Montse Fajardo, explicou a quebra dos dereitos acadados na II República e fixo un percorrido polas distintas tipoloxías de represión (asasinato, cárcere, castigos sexistas como a rapa do pelo ou vexacións sexuais, depuración laboral, desterro ou exilio).
Finalmente fixo fincapé no verdadeiro significado da exposición que non é outro, dixo, “que render unha homenaxe ás mulleres pontevedresas que a pesar da barbarie seguiron adiante, rexas, termando da sociedade e converténdose en apoio fundamental para os fuxidos, as persoas presas e as familias perseguidas”.
Rexas, mulleres baixo o terror franquista
A exposición está dividida en tres bloques. Un primeiro dirixido á contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como desde o punto de vista das mulleres que pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”.
A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.
Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a “recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria”.
43 mulleres da comarca de Vigo e do concello de Redondela
En total, “Rexas” fala de 172 mulleres con inclusión de historias de todas as comarcas da provincia. A selección mestura nomes máis coñecidos como os de Urania Mella, María Gómez, Josefa García Segret, Placeres Castellanos ou Josefina Arruti, con outros máis anónimos, na maioría de perfil humilde, que tiñan máis risco de ficar no esquecemento. Así, xunto as mulleres máis fáciles de atopar na bibliografía da temática, inclúense biografías ata o de agora inéditas como a de Dolores Buján (Cuntis), Asunción Berea (Marín) ou Elena Valverde (O Porriño).
Entre as 43 mulleres da comarca de Vigo que se citan, figura a historia de Emilia Cabaleiro Amoedo, labrega de Cabeiro (Redondela), asasinada aos 54 anos. Un veciño seguiuna cando ía co seu fillo Antonio levar comida a catro homes de Vigo a Lavadores, onde estaban agochados nunha cova, e delatouna. Despois de sometela a abusos sexuais e torturas, asasinárona, igual que ao seu fillo e os catro fuxidos. A memoria oral conservou que lle cortaran os peitos e lle meterán na boca os xenitais de Antonio.