Venres, 28 Marzo de 2025

O BNG “insta” á Xunta a revogar a autorización de apertura da casa de xogos en Redondela

O BNG considera que a visita de Feijóo a Redondela hoxe venres é "o momento axeitado" para anunciar a revogación a autorización dunha casa de xogo

Para o venres 25 está previsto un Mitin do Partido Popular en Redondela, coa presenza do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, o que supón para o BNG “unha oportunidade única para anuncie a revogación da autorización que dende o seu goberno se concedeu a Casa de Xogos, a carón da zoa escolar da Marisma”, apuntan dende o BNG redondelán.

Esta proposta remóntase ao mes de abril deste ano, no que dende a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior concedeu autorización para instalación deste establecemento de apostas e xogos, “que contempla entre outros unha ruleta, perto de vinte máquinas de xogos e cinco de apostas”, sinalan os nacionalistas.

Dende que saltou a voz de alarma, medrou a preocupación veciñal polas posíbeis repercusións entre a veciñanza en xeral e a mocidade en especial. “O máximo responsábel de que esta actividade se poña en marcha en Redondela, vai ser Feijóo, polo que dende o BNG emprazámolo a que somentes veña a dicirlle aos e ás redondelás, que vai cursar instrucción para que revogue dita autorización, se non é así, o mellor é que se quede por Compostela”.

Recordan dende o BNG, que o anterior alcalde Javier Bas, era coñecedor da solicitude e no canto de obstaculizar e informar á veciñanza, “dedicouse a facer campaña eleitoral co seu famoso barrio das artes, a escasos metros deste Salón de Xogos. Algo totalmente inmoral”, afirman

Para os e as nacionalistas, ademáis da preocupación e rexeitamento social, “a ubicación do Salón de Xogos, incumpre parte da normativa, posto que se sitúa a menos de 150 metros da Escola e Conservatorio de Música”. Ademáis a proximidade a toda a zoa escolar e deportiva da Marisma, sitúan á xente moza como obxectivo número un deste tipo de negocios.

Nun escrito presentado ante a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior polo voceiro municipal Xoán Carlos González, o BNG pedía “a revogación da autorización por incumprir o artigo 67.5 do Regulamento de Máquinas Recreativas e de Azar”.

Finalmente, a formación nacionalista remata a súa nota “apoiando a Manifestación que contra as Casas de Apostas, váise celebrar o sábado 26 ás 19 h dende a Praza de Ponteareas en Redondela”.