Venres, 28 Marzo de 2025

O BNG amosa a súa preocupación pola eliminación do persoal de noite no aparcadoiro da Xunqueira

A eliminación do persoal encargado da supervisión e control no Aparcadoiro da Xunqueira durante a quenda de noite, é seguida con preocupación dende o BNG de Redondela. Para o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, “trátase doutra concesión privatizada, neste caso un aparcadoiro de carácter público, polo que entendemos que existe unha responsabilidade municipal”.

A eliminación desta quenda implica que entre as 23:00 e as 07:00 horas a supervisión será realizarada por unha empresa de seguridade ubicada fóra de Redondela, por medio de videocámaras. “Ante calquera continxencia, os usuarios ou usuarias do aparcadoiro unicamente poderán empregar un comunicador. Claramente deteriórase a atención e o servizo que se debe prestar”, afirma o edil nacionalista.

O aparcadoiro dispón dunha cabida dunhas catrocentas prazas de aparcamento, das que un sesenta por cen corresponde a aboados ou aboadas, en diversas modalidades. “Está claro que a crise da COVID-19 non pode ser o xustificante para esta redución de atención e de, como mínimo, un posto de traballo”, sinala.

“Na propia concesión, realizada polo PSOE en 1994, recóllese que se trata dun aparcadoiro de carácter público –apunta González–, ademais de que o Concello reserva a potestade de realizar todo tipo de trámites administrativos ante calquera modificación do mesmo. Agora estanse cambiando as condicións, pois a atención durante as noites modifícase substancialmente”.

Por ese carácter público do aparcadoiro, Xoán Carlos González empraza a usuarios e usuarias, a presentaren reclamacións por escrito no rexistro do Concello, para reverter esta situación”.