16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaMagosto en Ventosela o sábado 13 de novembro organizdo pola Plataforma Sinha...

    Magosto en Ventosela o sábado 13 de novembro organizdo pola Plataforma Sinha PACA e o Concello de Redondela

    A Plataforma de Activistas Culturais e Artistas de Redondela, Sinha PACA, e o Concello de Redondela, a través da Concellaría de Cultura que xestiona Iria Vilaboa, veñen de organizar un Magosto, o terceiro que celebra a Plataforma, o vindeiro sábado 13 de novembro, na parroquia de Ventosela.

    Activistas desta parroquia animaron a Plataforma a trasladar o magosto, que viñan facendo na vila, a esta aldea, que ten o San Martiño por patrón e que, por mor do falecemento do anterior presidente da Comisión de Festas, corrían o perigo de non contar con celebración por segundo ano consecutivo. Desta maneira, Sinha PACA cumpre o seu cometido supraparroquial e San Martiño de Ventosela gozará dun día de festa.

    As actividades comezarán pola mañá, retomando os xogos populares que tanto singularizaran as súas celebracións. Trompos, zancos, xogo da ra, da chave, bolos, mouróns, quebracabezas, carreiras de caracois, labirintos e demais xogos estarán a disposición das 11 ás 13h, baixo a supervisión de monitores/as e que contará con ILSE (intérprete de linguaxe de signos). Esta actividade está pensada para os máis cativos, aínda que non hai idade límite. O que si hai é límite de inscrición: máximo 50 nenos e nenas, para garantir o xogo seguro. Os interesad@s poden inscribirse no email sinhapaca@gmail.com, indicando o nome e a idade do neno/a.

    Ao mediodía a cantina da Cultural de Ventosela ofrecerá un menú a 12€ coa castaña como elemento central: crema de castaña, codillo con castañas e biscoito de castaña. Os interesados poden facer as reservas na propia cantina. Teléfono: 986404682.

    Xa na tarde as actividades arrincan ás 17h con pregón a cargo do artista Suso Ben. Tanto os xogos populares como a lectura de pregón contarán con intérprete en lingua de signos. Ás 18h haberá unha actuación de baile a cargo do grupo O carballo das cen pólas, de Reboreda. E ás 19h darán comezo os concertos das Efémeras e Acordeireta. A festa contará cun DJ que amenizará toda a xornada e que prolongará á noite a festa.

    O magosto propiamente terá lugar de tarde, onde se servirán castañas en dúas tandas: unha ao rematar a actuación de baile e outra no cambio de grupos. Ofreceranse castañas asadas até esgotar existencias.

    O magosto é unha festa tradicional, de orixe celta, que celebra a entrada na metade escura do ano (outono e inverno) e a recollida da castaña, alimento que, durante séculos, foi a base da alimentación dos habitantes deste territorio. O lume no que se asaban tamén purificaba o fogar e aproveitábase a festa para recordar os familiares que xa non estaban, mais para os que se deixaba comida ao pé da lareira. No ánimo de Sinha PACA está manter esta tradición e adaptala aos novos tempos.

    Todas as actividades foron feitas contando con activistas culturais e artistas de Ventosela, tanto na monitoraxe dos xogos, a cargo de Sonia Míguez, no pregón, nos grupos dos concertos, onde toca Olga Nogueira ou no deseño do cartaz, obra de Anxo Peixoto. Talento local para unha celebración internacional.

    Esta é unha actividade organizada por Sinha PACA e o Concello de Redondela, e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, da Cultural de Ventoslea e da ex-Comisión de Festas de Ventosela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.