A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuniranse hoxe xoves, 2 de novembro, co responsable da Xefatura Territorial de Ensino de Pontevedra, César Pérez Ares, e co director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro Saavedra. A xuntanza, que se celebrará en Pontevedra, ten por obxectivo tratar diferentes problemáticas dos centros de ensino público de Redondela “tanto no que se refire ás necesidades do alumnado, como aos problemas estruturais dalgúns edificios e ás deficiencias no trasporte escolar”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
Deficiencias no transporte escolar
A necesidade de solventar as deficiencias do transporte escolar nos centros de ensino de Redondela será outra das demanda que Rivas e Valles lle exporán ao director xeral de Mobilidade, Maestro Saavedra. Os responsables municipais lembran que desde o comezo do curso “o alumnado dos institutos está a sufrir as carencias do transporte escolar, especialmente o das parroquias de Reboreda, Portocabeiro, Vilar de Infesta, Cesantes, Quintela e Cedeira. A alcaldesa e o concelleiro, que xa mantiveron xuntanzas coas ANPAS dos centros afectados, sinalan que o servizo “non conta con prazas suficientes para facer o percorrido entre os domicilios do alumnado e o IES que lles corresponde”. Os responsables municipais lamentan que os estudantes de ensino non obligatorio (tanto Infantil como Bacharelato) e ciclos de FP dos institutos Pedro Floriani e Mendiño non teñan dereito ao transporte escolar, segundo recolle a normativa da Consellería de Educación. Digna Rivas entende que Xunta de Galicia non garante a igualdade de oportunidades da mocidade de Redondela “ao discriminar ao alumnado que vive nas parroquias e que tampouco conta cun transporte público alternativo para desprazarse ao instituto”.
O concelleiro de Ensino, Iván Valles, trasladaralles aos responsables autonómicos a preocupación do Concello polo caso do CEIP de Reboreda, onde unha das aulas de primaria presenta a ratio máxima de alumnos “coa particularidade de que cando menos catro deles teñen necesidades educativas especiais”. Valles advirte da necesidade de desdobrar esta aula, tal como reclaman tamén as familias e o profesorado “para garantir que todo o alumnado conte coa atención educativa que merece”.
Outro dos problemas dos centros de ensino de Redondela, derivado da antigüidade que presentan moitos deles, son as deficiencias estruturais dalgúns edificios. Valles sinala que, malia que o mantemento dos colexios é competencia municipal “o Concello non pode facerse cargo de danos que afectan a algúns edificios que teñen máis de 30 anos e que precisan melloras que van máis aló de simples reparacións de mantemento”. Sinala o caso de fiestras en mal estado ou os alicatados dos aseos “que corren risco de desprendemento”.