Domingo, 26 Xaneiro de 2025

A Xunta licita as obras de substitución da cuberta do CAPD de Redondela

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou durante unha visita ao Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, a licitación das obras de substitución da cuberta desta instalación, para as que o Goberno galego investirá máis de 500.000 euros.

A conselleira sinalou que esta obra se enmarca no conxunto de actuacións previstas pola Xunta de Galicia para levar a cabo ao longo deste ano nos distintos centros de servizos sociais da Comunidade para mellorar a atención e a comodidade dos usuarios. No ámbito da discapacidade, ademais do que se vai executar nas instalacións de Redondela están proxectadas obras nos CAPD da Coruña e tamén no de Sarria, cun investimento total de preto de catro millóns de euros.

A obra que se vai a realizar no concello pontevedrés recolle a substitución da cuberta e de todos os caleiros e baixantes do edificio, así como a impermeabilización da terraza do centro ou a aplicación dun sistema de illamento térmico, entre outras medidas.