A Federación de ANPAS de Redondela (formada polos 17 centros de ensino público do Concello de Redondela e Pazos) impulsou, a través do programa Corresponsables da Xunta de Galicia – SI436C-, dúas iniciativas innovadoras para fomentar a corresponsabilidade no ámbito familiar.
O primeiro deles é a edición dun vídeo publicado no canal youtube da Federación no que os propios nenos falan do que significa para eles a corresponsabilidade. O vídeo, cun ton amable e fresco, busca concienciar á sociedade sobre a importancia de que todos os membros da familia participen nas tarefas domésticas e de coidado formando un verdadeiro equipo. Unha boa escolma de alumnado dos centros sentiuse “artista por unha tarde” nos ensaios para a posterior montaxe da man do Gabinete Amaturi e o estudo creativo XO liderado por Xoel Méndez Pérez.
A segunda iniciativa é un proxecto de Talleres Corresponsables para pais de adolescentes. O obxectivo deste proxecto é proporcionar ás familias múltiples e mellores ferramentas de Intelixencia Emocional coas que acometer candanseu proxecto familiar. Este programa, levado a cabo polo Centro de Desenrolo de Saúde Comunitaria Marie Langer, compleméntase con intervencións eminentemente experienciais cos adolescentes nas aulas nas que poder verbalizar cómo se sinten en cada etapa vital.
“Cremos que a corresponsabilidade é un piar fundamental para a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, afirma Patri Do Camiño, unha das coordinadoras, xunto con Xosé Manuel Lago por parte da Federación de ANPAS de Redondela. “Por este motivo, traballamos para promover esta cultura no ámbito familiar a través de iniciativas innovadoras que cheguen a todos os públicos”, engade.
As dúas iniciativas contan co apoio do programa Corresponsables da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo promover a conciliación da vida laboral, familiar e persoal ambas cunha resposta moi positiva por parte do conxunto da comunidade educativa.