Mércores, 11 Decembro de 2024

O BNG denuncia o intento do PP de silenciar á oposición en Salvaterra

Logo de ter pasado catro meses dende a celebración do último Pleno Ordinario do Concello de Salvaterra de Miño, o BNG denunciou hoxe o que cualifica como “unha manobra política fulera do PP para silenciar o traballo da oposición”. O portavoz municipal do BNG, Xosé Antón Outeiro, sinala que, en vez de convocar os plenos ordinarios como corresponde para que todos os grupos presenten as súas iniciativas, “o goberno do Partido Popular en Salvaterra vai saíndo do paso convocando plenos extraordinarios, nos que só se trata o que o PP decide para remendar a súa mala xestión económica”.

Neste sentido, o Bloque alerta de que nos últimos meses “o goberno do PP empregou dous plenos extraordinarios para aprobar recoñecementos extraxudiciais de crédito de facturas que non figuraban na contabilidade e para incumprir unha vez máis o Plan Económico Financeiro, ao declarar a indispoñibilidade de crédito”

O BNG sinala que é nos Plenos Ordinarios onde “a oposición pode presentar as propostas e iniciativas, fiscalizar a acción de goberno e trasladar preguntas para dar voz ás solicitudes das veciñas e veciños”.

“Dende o mes de outubro de 2018, o goberno do PP está amordazando á veciñanza ao non permitir a participación dos seus representantes na corporación”, indica Outeiro, que considera esta actitude “propia de técnicas caciquís que se atopan á marxe da democracia”.

“Ao BNG non nos van parar os atrancos do PP. Seguiremos traballando para todas as veciñas e veciños, para afastar ao Partido Popular do goberno de Salvaterra de Miño e abrir un tempo novo, con transparencia e sobre todo democracia”, concluíu o seu portavoz municipal, Xosé Antón Outeiro.