Sábado, 8 Febreiro de 2025

Veciñanza e comerciantes da Avenida Castelao de Ponteareas, convocados a unha xuntanza participativa

A reunión, organizada pola Concellería de Mobilidade e Participación Cidadá desenvolverase baixo o lema «Que Avenida de Castelao queremos?»

A Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas acollerá, mañá martes 14 de xaneiro, ás 19:30 horas, unha xuntanza participativa á que está convidada toda a veciñanza e comerciantes da Avenida Castelao. A xuntanza, que se desenvolve no marco do Plan de Mobilidade elaborado polo Concello de Ponteareas, tratará temas relativos para definir “unha nova Avenida Castelao”.

A mobilidade peonil e en bicicleta, seguridade viaria: pasos de peóns, iluminación…, circulación de vehículos a motor, espazos para estacionamento, carga e descarga ou persoas con discapacidade; arborado da avenida, o mobiliario urbano, etc. serán algúns dos temas que se poñerán sobre a mesa e sobre os que veciñanza e comerciantes poderán dar a súa opinión.

Coa reunión, explica a concellería de Mobilidade que xestiona Roberto Mera, “preténdese escoitar á veciñanza e recoller as súas opinións, suxestións e ideas que contribúan a definir unha nova Avenida de Castelao pensada para a xente, que se traducirá nun proxecto de mellora deste vial e na negociación do seu traspaso ao Concello por parte da Xunta de Galicia”.