A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, dependente da Concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba, vén de sumarse á celebración do día das persoas usuarias das bibliotecas que terá lugar o vindeiro luns día 13 de xaneiro. A partir das 18:30 horas o centro bibliotecario acollerá distintos actos e actividades para recoñecer a fidelidade de usuarias e usuarios e dar a coñecer e poñer en valor os distintos servizos que ofrece.
Fernando Groba adiantou que se procederá ao nomeamento da ‘persoa Usuaria de Honra’ nas categorías Infantil e Adulto e tamén se agasallará un lote de libros para as persoas usuarias con máis préstamos durante o pasado ano 2019. Tamén se repartirán marcapáxinas entre todas as persoas usuarias asistentes.
Para dar unha maior difusión as actividades tanto da Biblioteca como do Museo Municipal, a Concellería vén de organizar unha visita guiada a ámbalas dúas dependencias.
Fernando Groba subliñou a importancia deste servizo público aberto nun amplo horario e para todos os públicos, “un lugar –apuntou o concelleiro– no que poden atopar lectura e actividades culturais para o seu tempo de lecer pero tamén un espazo para o estudo e para ampliar a súa formación”.
Groba non dubidou en cualificar ás bibliotecas como “lugares indispensables” que van máis aló da lectura “e son un servizo que vela pola promoción da cultura, da formación e mesmo un espazo de encontro no que atopar persoas con inquedanzas semellantes”.