Ponteareas moverase este mércores 28 de xullo a ritmo de rock and roll. A Praza Maior acollerá a partir das 21:00 horas o concerto da Escola de Rock de Paredes de Coura, que elixiu a vila como un dos escenarios da súa xira por Galicia. Os grupos The Rebel Spirits e Os Garagebamzos, un grupo de mozos formados no Conservatorio Municipal de Música de Ponteareas, serán os encargados de amenizar a noite neste encontro organizado pola Câmara Municipal de Paredes de Coura en colaboración co Concello de Ponteareas e dirixido polo programa de formación Space Ensemble.
Este concerto busca “dar a volta á lóxica dos grandes festivais e dar a oportunidade de ser cabeza de cartel aos mozos e mozas que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da música”, como salienta o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.
A actuación será de balde, con entrada libre ata completar aforo.
A Escola de Rock de Paredes de Coura naceu en 2014, na terra do icónico Festival Paredes de Coura, contribuíndo ao fomento deste xa clásico romance entre a vila e o rock’n’roll. Decorre en períodos de curta duración, nun formato de residencia artística e campo vacacional con actividades que varían entre ensaios, formacións, concertos e moito máis.
Todos os anos a Escola de Rock organiza unha xira con concertos en condición inéditas para o alumnado e profesorado, reunindo a todas as persoas participantes no escenario. Os grupos da Escola do Rock xa actuaron en moitos festivais, así como nalgunhas das mellores salas de espectáculo de Portugal e Galicia, como o Festival Vodafone Paredes de Coura, o Serralves em Festa (Museu de Serralves, Porto), o Verão na Casa (Casa da Música, Porto), o SURFING THE LEREZ (Pontevedra, Galicia), o NOS Primavera Sound (Porto), o Hard Club Porto, o Auditorio Municipal de Vigo ou a Fundación Barrié (Vigo), entre outros.