A concellería de Cultura e Lingua do Concello de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, vén de instalar catro puntos de lectura ou catro ‘casiñas’ con libros viaxeiros, en outros tantos puntos da vila e que permitirán, segundo o Concello ponteareán, “encher de creatividade os momentos de lecer”. É un xeito de que a Biblioteca Municipal, saia do seu entorno habitual e, literalmente, saia ás rúas.
As casiñas dos libros viaxeiros están no parque Ferro-Ucha, na Praza Maior, no Parque da Perillana e nos Xardíns da Casa do Concello. Calquera persoa pode achegarse a estas casiñas e gozar da lectura porque, nas casiñas viaxeiras, pódense atopar libros de tódolos xéneros e para todos os públicos.
Todos e todas as que o desexen poden incorporar libros ás casiñas viaxeiras que comezaron a súa andaina pola vila cun lote inicial aportado pola biblioteca municipal. A concellería de Cultura e Lingua supervisa que exista un reparto equitativo nas catro casiñas do centro urbano.