14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas oferta á Xunta unha parcela ao pé da...

    O Concello de Ponteareas oferta á Xunta unha parcela ao pé da N-120 para o futuro centro de saúde

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; o primeiro tenente de alcaldesa, Roberto Mera; e a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, acompañados do arquitecto municipal do Concello, mantiveron onte un encontro en Ponteareas con persoal técnico da Consellaría de Sanidade e do SERGAS, que visitaron a localidade para analizar as posibles parcelas nas que situar un futuro centro de saúde. Na reunión, o Concello e os técnicos da Xunta clarificaron as previsións de incremento de profesionais, de servizos e de consultas, determinando así a superficie que debe ter a parcela para atender non só á construción do centro, cuxas dimensións xa se coñecían, senón tamén as necesidades de aparcamento.

    Neste sentido, a Xunta adiantou que en ningún caso as obras a acometer pola administración autonómica incluirían a creación de aparcadoiro soterrado, o que tamén condicionou a selección de posibles parcelas.

    Ademais da superficie necesaria para o edificio e zona de aparcamento, as dúas administracións coincidiron na necesidade de que o novo centro se atope a carón do casco urbano de maneira que permita o acceso a pé a menos de 15 minutos camiñando á veciñanza da vila e que, ao mesmo tempo, teña unha boa comunicación rodada por estradas principais para facilitar a mobilidade dos servizos de emerxencias e daquelas persoas usuarias que procedentes das parroquias ou doutros concellos precisan desprazarse en vehículo.

    Partindo destes parámetros e condicionantes, avaliáronse diferentes parcelas, que ademais foron visitadas in situ, ofertándose finalmente por parte do Concello aquela que, a xuízo da Xunta, é apta para as súas previsións. A parcela ofertada de maneira preferente sitúase ao pé da N-120, entre as saídas da rúa Castañal e Paseo Matutino, que conforme ao planeamento urbanístico ten reservada unha superficie para dotacións e equipamentos públicos e zona verde. Esta parcela, pola súa superficie e situación, atende todas as necesidades construtivas e de estacionamentos en superficie, así como de distancia a pé do centro urbano. Esta proposta ten ademais a virtualidade de que, grazas ao PXOM, a adquisición da parcela non supón gasto económico para o Concello. 

    O Goberno Municipal do BNG-PSOE agarda a pronta resposta da Xunta a fin de, unha vez confirmada a viabilidade de parcela, realizar con axilidade os trámites para a súa cesión. A alcaldesa considerou positivo que a Xunta teña entre as súas previsións futuras a creación dun novo centro de saúde “e nese obxectivo terá toda a colaboración do Concello coa cesión dos terreos”, pero lembrou que a día de hoxe o urxente é dotar de persoal sanitario ao actual Centro de Saúde e ao PAC, que se atopan nunha situación insostible.

    Nos vindeiros días, convocarase unha reunión cos grupos municipais para explicar os pormenores do encontro de onte.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.