O Concello xa ten aberto o prazo de solicitude para inscribir a nenos e nenas na aula matinal dos centros educativos públicos de Ponteareas que, un ano máis, o Goberno municipal subvenciona nos colexios de infantil e primaria tanto no ámbito urbano como no rural.
Este servizo “supón un importante apoio para que as familias poidan conciliar a vida persoal e laboral”, explica a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, que salienta que ao mesmo tempo a aula matinal permite “potenciar o desenvolvemento integral do alumnado, fomentar valores sociais como o compañeirismo e incentivando en cada neno e nena habilidades sociais, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas”.
As familias interesadas poderán acceder ao formulario de inscrición a través da páxina web do Concello, descargándoo no espazo dedicado á Aula Matinal no apartado de Ensino, ou ben recolléndoo de forma presencial no Departamento de Ensino na casa do Concello ou nos centros educativos. Unha vez cuberta a solicitude deberá entregarse no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. O prazo de solicitude remata o vindeiro 20 de xullo.