12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasMóbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula...

    Móbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula CeMIT de Ponteareas

    Ponteareas comeza o novo ano cun mes cargado de cursos e actividades na súa aula CeMIT de Ponteareas, que ten lista xa unha programación na que o uso dos móbiles, o streaming, a gamificación, o lecer seguro en internet ou a ofimática serán algúns dos grandes protagonistas. Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

    Unha das propostas para este mes de xaneiro será un curso específico de streaming para persoas maiores, que se celebra este luns 23 de 17.00 a 18.30 horas. Por primeira vez, os e as ponteareás poderán participar tamén en dous talleres de gamificación, unha técnica que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo e profesional para converter calquera a aprendizaxe nunha experiencia lúdica. Haberá dúas modalidades: ‘Genially’ o martes 24 de xaneiro e ‘Scratch e Kahoot’ o martes 31, ambos os dous de 16.00 a 21.00 horas.

    Outro dos cursos preparados para o inicio do ano estará centrado no lecer en internet con clases os días 23, 25, 26 e 30 de xaneiro e 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro. Tamén estará dispoñíbel un curso de manexo de teléfonos móbiles para persoas maiores que se impartirá os días 25, 26 e 30 de xaneiro e o 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro de 16.00 a 17.30 horas. Eses mesmos días, de 17.30 a 19.00 horas impartirase un curso de informática básica, dirixido especialmente tamén para persoas de maior idade.

    Por outra banda, xa na segunda quincena de febreiro a aula CeMIT de Pontearas centrarase no ensino de ofimática a través do manexo de LibreOffice Writer en dous niveis diferentes: nivel iniciación do 13 ao 16 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas e de nivel medio tamén de 16.00 a 21.00 horas.

    O mes rematará cunha actividade especial. Os días 27 e 28 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas chega á aula CeMIT ponteareá o Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela.

    As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público o luns 23 de xaneiro de 16.00 a 17.00 horas, o venres 27 de xaneiro de 16.00 a 21.00 horas e todos os venres de febreiro de 16.00 a 21.00 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.