12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEste ano o Corpus Christi de Ponteareas estrea alumeado

    Este ano o Corpus Christi de Ponteareas estrea alumeado

    Ponteareas porá fin en poucas semanas ás obras de renovación do seu alumeado público, a través do que se substituíron as luminarias públicas nas parroquias e no centro urbano por tecnoloxía LED e telexestión, o que permitirá un maior aforro enerxético, mellorar a seguridade cidadá e axustar a iluminación ás necesidades da vila. “Xa temos renovadas máis do 90% das luminarias e cadros de mando. Con este cambio tamén fomos implantando unha ferramenta que nos permite monitorizar, medir, controlar e realizar xestións en remoto do alumeado público, ofrecendo así unha maior calidade”, sinala Chus Garrote, tenenta de alcaldesa e concelleira de Vías, Obras e Alumeado.

    Precisamente será o tradicional Corpus Christi de Ponteareas o que estree este novo alumeado público no centro urbano da vila. Dada a importancia que ten para a veciñanza esta festa grande e a elaboración das alfombras florais a noite previa a Corpus, o Concello realizou estudos lumínicos pormenorizados para axustar as ópticas en cada un dos tramos e “conseguir unha iluminación óptima cunha alta uniformidade coa mínima potencia. Ademais, a axeitada temperatura de cor daralle ás nosas rúas un aspecto harmónico e un ambiente acolledor”.

    Concello e Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas visitaron esta semana o percorrido das alfombras de noite para probar in situ o novo alumeado e preparar todo para a vindeira semana. Alcaldesa, tenenta de alcaldesa e concelleiros foron recorrendo tramo a tramo cos e coas alfombristas subindo a iluminación un 50% máis en cada zona para comprobar a melloría e ver aqueles puntos nos que se precisarán proxectores para as zonas de sombra, que coas novas luminarias serán moitos menos.

    O Concello comezou hai uns meses a renovar o sistema lumínico do municipio, comezando polas parroquias máis afastadas e as rúas máis transitadas. Con este cambio conséguese unha importante diminución do consumo enerxético, increméntase o aforro de custos e mantemento, redúcese a pegada e carbono e tamén diminúese a contaminación lumínica.

    Ademais, a nova iluminación está analizando posibles melloras en zonas quentes como poden ser cruces de peóns ou espazos no que ata o de agora contaban con luz deficiente ou inexistente. “Este cambio era algo necesario para todo o municipio e é unha satisfacción que estea completamente renovado nesta época do ano, coincidindo cun Corpus que sabemos que será todo un éxito de participantes tras dous anos de parón pola pandemia. Veciños e visitantes serán testemuñas do noso novo alumeado”, salienta Garrote.

    Este proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE conta co cofinanciamento ao 80% con fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.