Domingo, 16 Marzo de 2025

A Escola de Música de Xinzo despide o curso escolar cun magnífico concerto

A Audición de Fin de Curso da Escola de Música de Xinzo pechou este pasado sábado 26 de xuño o curso escolar 2020/2021. Fíxoo no auditorio do Centro Cultural de Xinzo coas interpretacións solistas e grupais dos alumnos, participando tanto os máis pequenos que acaban de iniciarse no mundo da música como os máis veteranos.

Entre todas as actuacións, houbo un momento especialmente destacado coa despedida da directora da Banda de Música Infantil da Escola, Branca Represas. Tras máis dunha década á fronte da agrupación, dirixiu un dos seus últimos concertos. A directora agradeceu os anos e momentos vividos no seu posto despois de recibir un obsequio por parte da directiva da asociación.

O auditorio encheuse para a ocasión, respectando as medidas de seguridade pertinentes pola COVID-19, como a distancia de seguridade e o uso obrigatorio da máscara para todos os asistentes.