O Concello de Mondariz, a raíz das medidas de restrición anunciadas esta semana pola Xunta de Galicia, está estudando introducir cambios na tradicional cabalgata de Reis programada para a tarde do 5 de xaneiro, que inicialmente ía ser móbil e complementada con inchables no polideportivo municipal a partir das 17:00 horas. “Nestes días decidiremos se manter a cabalgata de Reis nun formato estático, como recomendou a Xunta, ou suspender a actividade. O ano pasado xa tivemos que suspender a cabalgata de Reis por mor da pandemia e este ano confiabamos en poder celebrala, mais a seguridade é o primeiro”, comenta o alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros.
Con todo, as outras actividades socioculturais que integran a programación de Nadal deste ano mantivéronse porque xa foron deseñadas para respectar o distanciamento social recomendado no contexto de pandemia e permiten un maior control das cabidas.
O xoves, 30 de decembro, a Praza de Abastos de Mondariz converteuse nun espazo de xogo e animación infantil entre as 17:00 e as 20:00 horas, da mán de Animar-T. Ás 17:30 horas, así mesmo, produciuse a visita do apalpador, unha actividade incluída no programa “Nadal en Galego” da Deputación de Pontevedra.
Unha vez despedido o ano, hoxe 2 de xaneiro, primeiro domingo de 2022, continuarán as actividades socioculturais programadas co último día do mercado artesán de Nadal na Praza de Abastos (10:00-14:00 horas), a proxección do filme galego de animación “O bosque encantado. Sinte a súa maxia” no auditorio municipal (17:00 horas) e dous concertos simultáneos da Banda de Música Cultural de Mondariz nas parroquias de Gargamala e Meirol (18:30 horas). O seguinte domingo, 9 de xaneiro, a Banda completará a súa xira de concertos na entidade local menor de Queimadelos (18:30 horas).
O xoves, 23 de decembro, decenas de nenos e nenas disfrutaron do espectáculo de animación infantil “A bailar no Nadal”, que incluíu a visita de Papá Noel; e o domingo, 26 de decembro, proxectouse a película “Dora y la ciudad perdida” e se realizaron dous concertos simultáneos da Banda de Música Cultural de Mondariz nas parroquias de Riofrío e Toutón.
Tanto o cinema infantil como os concertos da Banda de Música Cultural de Mondariz por parroquias son actividades que se realizaron sen problemas o ano pasado e, á vista da boa recepción, incluíronse novamente na programación cultural de Nadal. Outra das actividades socioculturais que se mantivo foi o Campanadal, mais concebido como un servizo de conciliación laboral, familiar e persoal para as familias con nenos ou nenas de 3 a 12 anos que o precisasen durante as vacacións escolares desta tempada.
“Todas as actividades socioculturais programadas requiren que o público estea sentado ou permiten un distanciamento social mínimo. Somos prudentes e avaliamos a situación epidemiolóxica diariamente para tomar as decisións oportunas”, sinala o alcalde.
Mercado artesán de Nadal, a novidade deste ano
Complementando a programación cultural de Nadal, este ano púxose en marcha un mercado artesán na Praza de Abastos durante cinco domingos, desde o 5 de decembro de 2021 até hoxe, 2 de xaneiro de 2022.
“Soubemos de que varias persoas da contorna dedicadas profesionalmente á artesanía tiñan interese en dispoñer dun espazo de exhibición e comercialización dos seus produtos. Estas datas de Nadal, Aninovo e Reis eran oportunas para dinamizar as actividades da feira dominical con este espazo de artesanía”, comenta o alcalde de Mondariz.
Este domingo, 2 de xaneiro, foi o último día do mercado artesán de Nadal en Mondariz.