Durante os meses de agosto e setembro, o Concello de Mondariz deu a coñecer o seu patrimonio natural e cultural a través dunha serie de actividades gratuítas que atraeron a case 150 persoas. A última delas será o vindeiro 28 de setembro cunha ruta en bicicleta pola contorna do río Tea que estará guiada por un educador ambiental.
A ruta, que está dirixida a maiores de 14 anos, comezará ás 10 horas da mañá na praia fluvial do Val, en Mondariz. Alén dos aspectos lúdicos e deportivos asociados á bicicleta, busca achegarse ao río Tea e aos seus afluentes, o Xabriña e o Aboal, para coñecer o seu estado de conservación, a súa fauna e flora, e métodos sinxelos de coñecemento da mesma (calco de cortizas, reproducion de pagadas,…).
A ruta terá un percorrido aproximado de 12 km. As persoas participantes terán que levar a súa propia bicicleta, preferiblemente de montaña, así como casco e roupa axeitada para unha actividade deportiva.
O proceso de inscrición para esta actividade, con prazas limitadas, remata este xoves. As persoas interesadas deberán contactar coa OMIX do Concello de Mondariz a través do teléfono teléfono 986 664 306 ou do correo electrónico [email protected].