9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz busca solucións aos problemas de depuración

    Mondariz busca solucións aos problemas de depuración

    Preocupado pola denegación de acceso á estación depuradora de augas residuais que fai Mondariz-Balneario, o alcalde de Mondariz convocou aos representantes do concello veciño a unha reunión formal para revisar, actualizar e desbloquear o actual convenio

    Unha das prioridades políticas do Concello de Mondariz é mellorar a depuración de augas residuais. Este servizo municipal tan básico, sen embargo, leva anos bloqueado pola denegación de acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), construída en 2005 e situada no veciño Concello de Mondariz-Balneario. “O Goberno de Mondariz ten o firme compromiso de dar solución a este problema que leva arrastrando o municipio dende fai anos e afecta a un ben natural incluído na rede natura como é o río Tea”, afirma o alcalde, Xosé Emilio Barros.

    As obras da EDAR foron deseñadas para dar servizo a unha poboación de 6.000 habitantes. Os alcaldes de Mondariz e Mondariz-Balneario asinaron en setembro de 2005 un convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e EDAR que prevía a incorporación progresiva da redes de saneamento do Concello de Mondariz e a asunción dos correspondentes custes económicos.

    Naquel momento, explica o Goberno local de Mondariz, “a construción desta estación depuradora semellaba un fito na defensa e conservación do río Tea, xa que significaba unha mellora no tratamento das augas residuais destes dous municipios”. Na actualidade, sen embargo, –engaden– “a EDAR funciona ao 40 por cento da súa capacidade e só dá servizo a Mondariz-Balneario e ao barrio da Pedreira, en Mondariz. Namentras, as obsoletas mini estacións depuradoras que emprega Mondariz non dan abasto para evitar os vertidos de fecais ao río Río”.

    “Na última década, despois de que Mondariz-Balneario instalase un caudalímetro para medir os vertidos entrantes de Mondariz, este concello (Mondariz) ten reducido o volume de vertidos mediante a separación de augas pluviais e fecais, pero aínda así a EDAR está sendo infrautilizada”, lamenta Barros. “É unha situación irracional que afecta directamente ao patrimonio natural que compartimos”.

    Durante o seu primeiro ano de goberno, Barros e o seu equipo aseguran ter feito “unha ardua labor de investigación para coñecer o estado da cuestión”. Os continuos contactos coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tamén lles permitiron detectar “irregularidades en obras feitas que xa están tratando de solucionar, como é o caso do colector xeral de augas residuais que se construiu en 2015 para dar servizo ao centro de Mondariz e ás parroquias de Riofrío e Frades”. Actualmente, o Goberno de Mondariz está en proceso de legalización desta infraestrutura, que non recibira autorización no seu día e acumula xa un notable deterioro por desuso.

    O investimento efectivo en saneamento do Concello de Mondariz, sen embargo, depende en grande medida do acceso á EDAR que se lle denega sen xustificación razoable. “Mondariz e Mondariz-Balneario teñen que ser exemplo de sostibilidade e respecto polo medio ambiente. Non é comprensible que haxa un servizo de depuración de augas residuais infrautilizado á espera de trámites burocráticos e acordos políticos”, conclúe Barros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.