Xoves, 27 Marzo de 2025

A presión veciñal consegue que se cubra “con carácter permanente” a praza de pediatría en Mondariz

Nun comunicado de prensa remitido aos medios de comuncación, a Plataforma en Defensa do Pediatra Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo quere poñer en coñecemento de “tódolos veciños, partidos políticos, asociacións e colectivos que apoiaron dende o primeiro momento a xusta reivindicación para que se cubrira con carácter permanente e horario completo a praza de pediatría en Mondariz, M.Balneario e Covelo, que por fin e dende esta semana, xa temos pediatra en Mondariz”.

“Foron dez meses de loita, –afirma a Plataforma– pero todo traballo e esforzo ten a súa recompensa, e somos conscientes de que temos a obriga de defender e loitar, por un servizo sanitario infantil próximo e de calidade, un ben tan necesario e fundamental para poder continuar e manter a nosa forma de vida, aquí no rural. Parabéns a todos!”

O Concello celebra a reposición permanente da praza de pediatra

Pola súa banda, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, amosou a súa satisfacción polo feito de que o centro de saúde de Mondariz “volva a contar cun médico especialista en Pediatría con praza fixa e horario completo despois de case dez meses de activa reclamación veciñal”.

Segundo Barros, “a recuperación deste servizo básico foi posible pola constante unidade e mobilización social, encabezada pola Plataforma pola Defensa do Servizo de Pediatría”. Ademais de recoñecer e agradecer a labor de presión desta plataforma de afectados de Mondariz, Mondariz-Balneario e Covelo, Barros destacou que a participación veciñal é a liña de acción política para mellorar os servizos públicos existentes e satisfacer as necesidades de carácter social da poboación.

A pediatra que ocupou a praza, vacante dende o 7 de novembro de 2018, prestará servizo a partir desta semana de luns a venres a uns 600 nenos, nenas e adolescentes de Mondariz, Mondariz-Balneario e Covelo. De 9 a 11:30 atenderá no centro de saúde de Mondariz, e de 13 a 15 horas estará en Covelo.