14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizA Deputación aborda a última fase para a musealización do Castelo do...

    A Deputación aborda a última fase para a musealización do Castelo do Sobroso

    O goberno adxudica en máis de 261.000 euros a execución do proxecto museográfico, que aposta por converter a visita nunha experiencia audiovisual, histórica e patrimonial

    A musealización do Castelo de Vilasobroso, unha das xoias patrimoniais da provincia, está en marcha. A Deputación ven de adxudicar á obra por un importe de 261.631 euros co obxectivo de que as persoas que visiten a fortaleza da comarca do Condado poidan gozar dunha experiencia audiovisual do século XXI nun conxunto monumental que afunde as súas raíces no século X. O proxecto permitirá achegarse á historia e aos valores artísticos do edificio con recursos audiovisuais apoiados nas últimas tecnoloxías. A empresa “Intervento2” será a encargada de deseñar, instalar e poñer en marcha un equipamento museográfico de gran atractivo e acorde coas tendencias da demanda turística, convertendo a visita a Sobroso nunha experiencia na que se mestura a aprendizaxe co entretemento.

    A Deputación aposta por un modelo de turismo baseado nas experiencias, na que o castelo se converte en escenario para pezas teatralizadas en formato audiovisual cunha visita dunha hora de duración na que se efectúa un percorrido ascendente polas distintas estancias da fortaleza e a torre da homenaxe, para rematar na súa terraza cunha espectacular vista do Condado e Portugal, alén do río Miño. As visitas, que poderán realizarse en galego, castelán ou inglés, terán unha hora de duración e contarán con grupos reducidos de 15 persoas, con protocolo antiCovid mentres as circunstancias así o esixan.

    O proxecto museográfico estrutúrase ao redor de sete salas temáticas nas que abórdanse distintos aspectos explicados con diferentes soportes tecnolóxicos. A visita comeza coa sala “Sobroso na paisaxe”, dotada Dunha gran impresión fotográfica e caixas retroalimentadas con imaxes de referencia. A continuación, “A historia do castelo e os seus habitantes”, onde pode atoparse un audiovisual sobre o vidro, que narra a vida na fortaleza medieval, coa escenografía dunha gran vitrina onde se sincronizarán imaxes. A terceira estancia é “O castelo, protagonista na Idade Media”, unha montaxe con elementos téxtiles e módulos de cada personaxe vinculado á historia do Castelo: dona Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal e Isabel de Aragón. Accédese deseguido a “O castelo, da destrución á recuperación”, espazo onde o “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, jé protagonista. Ademais unha narradora virtual explicará os cambios ao longo do século XX. O seguinte espazo é  “Os seres máxicos e a auga”, onde atoparemos néboa, luces e unha locución coas lendas dos bosques de Sobroso. Chégase entón ata “A construción do castelo”, onde paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza agardan ao visitante, que, ademais, introducirase no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de canteiro que abundan neste espazo, sinalizadas e explicadas en detalle. A última sala temática leva por nome “Os castelos, escenario de trobadores”, dotada dunha proxección de dúas persoas namoradas, sentadas no parladoiro a nivel da torre. Ao seu carón un trobador, proxectado sobre unha tea de tul transparente rememorará a lírica da Idade Media.

    A terraza, equipada con atrís con imaxes panorámicas e perfís para recoñecer os fitos xeográficos da paisaxe, pon punto final á experiencia museográfica de Sobroso, chamada a converterse nunha nova referencia obrigada para o turismo de Pontevedra provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.