Sábado, 8 Febreiro de 2025

A veciñanza de Mondariz Balneario di non ao abandono da Fonte de Troncoso

Medio centenar de persoas mobilizáronse de urxencia o pasado domingo 25 para dignificar a histórica fonte de Troncoso, en Mondariz Balneario, obra do arquitecto Antonio Palacios, patrimonio do pobo de Mondariz Balneario e inmoble recollido no catálogo de bens protexidos.

Non deixa de ser un tanto estraño –por non utilizar outros calificativos– que o estado de deterioro, incluso de derrubamento de parte da edificiación, deixe impasibles ás administracións que tiñan que ser as primeiras en velar pola conservación e mantemento do noso patrimonio arquitectónico.

A Fonte de Troncoso, situada nun entorno natural único e nun paseo “no que se respira paz”, como dixo unha vez un xornalista venido de terras castelás, presentaba unhas condicións lamentables de abandono e sucidade dende fai anos, provocadas pola inacción dos propietarios e das administracións competentes en materia de Patrimonio, Concello de Mondariz Balneario e Xunta.

Durante a maña a veciñanza autorganizouse para levar acabo labores de limpeza e acondicionamento do inmoble. “É un escándalo que teñan a fonte nestas condicións” foi o comentario mais repetido polos turistas que presenciaron a acción popular.

Tras esta actividade “e vista a imperante e urxente necesidade dunha ampla acción de rehabilitación do inmoble conformouse unha plataforma en defensa do mesmo, marcándose como obxectivo principal a recuperación e posta en valor da emblemática Fonte de Troncoso”.