A concelleira de Igualdade e tenenta de alcaldía, Loli Castiñeira, vén de presentar a programación que dende o Concello se pon en marcha para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, nunha nova mostra da aposta firme que se está a facer pola defensa dos dereitos das mulleres.
Os actos comezarán hoxe luns 7 coa apertura da exposición das 14 fotografías do concurso “Salceda contra a violencia de xénero” que se celebrou no mes de novembro, do cal resultou ganadora a imaxe “Berrarlle na cara ó medo” de Nuria Pampín, e que se poderá visitar ata final de mes na sala polivalente da Casa da Cultura Castelao, na Praza do Concello. Este mesmo luns ás 17:30 celebrarase no Auditorio Municipal o contacontos “A Cabaleira” de Medievándalos, unha actividade que racha cos estereotipos de xénero e que vai dirixida a público familiar, involucrando tamén deste xeito aos nenos e nenas nos actos do día da muller.
O propio día 8 terá lugar a concentración diante do Concello ás 12:30, na que se leerá un manifesto, e na que participará alumnado do CEP Altamira e do IES Pedras Rubias. Ademais durante toda a semana a fachada do Concello permanecerá iluminada en cor morada para conmemorar a data.
Para completar os actros, nos vindeiros días presentarase no IES Pedras Rubias o libro “Galegas na ciencia” de Isabel Blanco, libro do cal o Concello de Salceda é unha das entidades colaboradoras, que recolle as biografías de vinte galegas que abriron as portas da ciencia vencendo obstáculos e, en ocasións, burlas e desprezos, e deron paso a milleiros de mulleres.
Con todos estes actos Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade quere visibilizar unha vez máis a loita firme do Concello de Salceda por acadar a igualdade real entre homes e mulleres: “Agardamos que chegue o día en que este tipo de actos reivindicativos non sexan precisos porque se teñan alcanzado os obxectivos de igualdade real, mais polo de agora faise máis necesario que nunca berrar ben forte a prol da defensa dos dereitos das mulleres, en Salceda, en Galicia, e no mundo enteiro. Por nós non vai quedar”.
Verónica Tourón alcaldesa: “Para o concello de Salceda é moi importante lembrar nesta data do 8M todo o que aínda queda por facer para acadar a igualdade real para ás mulleres, todo o que queda por loitar para erradicar a violencia contra elas e o machismo que aínda pervive en moitos eidos da nosa sociedade, en definitiva este é un día para reivindicar e non esquencer todo o que representamos as mulleres”.