8.6 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda presenta o seu Programa Integrado de Emprego

    Salceda presenta o seu Programa Integrado de Emprego

    As accións formativas permitirán mellorar e empregabilidade de 100 persoas en situación de desemprego de Salceda, Salvaterra e O Porriño

    O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Emprego e Formación que dirixe Verónica Tourón, presentou esta mañá no Auditorio Municipal, o Programa Integrado de Emprego, unha acción formativa que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 250.000 €.

    Á xornada de presentación acudiron as 100 persoas desempregadas que participarán na iniciativa – 84 son veciñas de Salceda, 15 de Salvaterra e 1 de Porriño– de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación e cualificadas, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestación, subsidios por desemprego e RAI, mulleres, etc. Na mesma tamén estiveron presentes ás dúas técnicas responsables do programa, a tenente alcaldesa Verónica Tourón e a alcaldesa Loli Castiñeira.

    Na presentación Verónica Tourón definía o programa como “unha excelente oportunidade de mellorar a empregabilidade” e aseguraba animaba ás e aos participantes a ser constantes durante o seu desenvolvemento “porque se trata dunha carreira de fondo e non dun sprint nin algo que dea resultado ao día seguinte”. Subliñaba Tourón a “atención persoalizada” que terán as e os participantes durante todo tempo que dure o PIE e achegaba datos esperanzadores ao sinalar que “se ben o compromiso de contratación mínimo que temos é do 40 % a miña experiencia neste eido amosoume que sempre estamos por enriba dun 60 %.

    Por último a concelleira de Emprego destacaba a importancia das prácticas en empresas xa que, dixo, “os datos apuntan a que preto do 80 por cento de persoas que fan prácticas nunha empresa, quedan a traballar nela”.

    As técnicas de emprego explicaron polo miúdo ás e os participantes no Plan Integrado de Emprego, todos os detalles do mesmo

    As persoas beneficiarias, tal e como explicaraon as técnicas de emprego as persoas presentes, participarían nun mínimo de cinco accións de orientación, mellora das competencias sociais e profesionais e formación específica en catro itinerarios formativos: Administración e atención ao cliente, almacén, produción industrial e hostalería.

    O programa tamén contará con prácticas non laborais en empresas da zona coas que o Concello establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado, sempre co obxectivo final da mellora da empregabilidade e a inserción laboral.

    Pechaba o acto a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira que comezaba chamando a atención sobre o esperanzador dato de que as 100 prazas “non foron cubertas na súa totalidade por persoas desempregadas do municipio polo que abriuse a porta as procedentes do Porriño e Salvaterra de Miño”.

    A alcaldesa de Salceda lembrou que “dende a formación do equipo de Goberno, puxemos todo o noso empeño en este programa pola importancia que ten para os nosos veciños e veciñas en situación de desemprego”. Castiñeira gabou “o traballo realizado pola concelleira de Emprego, Verónica Tourón e no tempo en que estivo de baixa pola súa compañeira Gela Ledo, que traballaron arreo cos técnicos e técnicas para que este proxecto puidera ser unha realidade”.

    Destacou a rexedora local o feito de que Salceda era un dos 14 concellos da área de Vigo de poder contar cun Plan Integrado de Emprego e amosou o seu convencemento que iso “débese ao traballo que este equipo de Goberno desenvolve en materia de formación e emprego”. Lembraba Loli Castiñeira, –logo de amosar o seu convencemento de que se superará “con moito” o 40 % mínimo de inserción laboral”– que Salceda conta, ademáis cunhas instalaciones como as do Torrón e un equipo cualificado de técnicos e técnicas, que poucos concellos teñen o que reafirma a aposta deste Goberno polas accións formativas e a inserción laboral dos veciños e veciñas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.