9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO Rancho de Reis de Salceda continúa fiel á súa cita

    O Rancho de Reis de Salceda continúa fiel á súa cita

    O relevo xeracional asegúrase coa estrea do Rancho Infantil da Feira

    Salceda de Caselas vivíu unha xornada de Reis histórica ao contar coa tradicional actuación do Rancho de Reis da Feira e á estrea do seu Rancho Infantil, conseguindo un relevo xeracional dunha das tradicións máis singulares do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A parte máis emotiva da mañá foi a estrea do Rancho Infantil da Feira asegurando a continuidade da tradición.

    Con tan só tres meses de ensaio, os dous danzantes e a dama demostraron a súa valía, que nada ten que desmerecer aos maiores. Organizado pola Asociación Cultural A Feira, esta versión do Rancho de Reis fixo unha serie de actuacións previas o pasado domingo tres de xaneiro en diferentes puntos do barrio da Feira, amosándolle a súa danza á veciñanza e evitando que a xente se xuntara nun único punto, en prevención fronte á COVID19. O rancho conta cun total de catro danzantes e unha dama, que se van relevando para conseguir a formación de dous danzantes e unha dama.

    A COVID19 non foi quen de parar esta tradición recuperada hai máis de 20 anos pola Asociación Cultural O Serán. Así, mudouse o lugar da actuación a unha ampla zona acotada do torreiro de Santa María de Salceda, e os danzantes e a dama incorporaron a máscara protectora ao seu vestiario, composto de prendas de cores vistosas. A actuación que posteriormente solían realizar no centro da vila da esfarrapada foi mudada tamén por un pequeno acto no Centro Cultural da Feira.

    O Rancho de Reis de Salceda é diferente de todos os demáis, e único pola súa formación e pola súa música. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir ao gañador, obsequiándoo cunha riberirana que bailará en exclusiva con el.

    O Rancho de Reis marca tamén o final do Nadal e o comezo do Entroido. Tradicionalmente, no día de Reis, comezaba o enfrontamento entre a Feira e Castro Barreiro, actuando cada Rancho no seu barrio, converténdose no comezo da rivalidade que remataba no Martes de Entroido, cando se voltaban a enfrontar os dous Ranchos de Entroido, cunha formación máis ampla, composta por seis danzantes e dúas damas cada un.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.