10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasConta atrás para o Entroido de Salceda de Caselas

    Conta atrás para o Entroido de Salceda de Caselas

    O Concello publica as bases para participar no seu tradicional desfile de Carrozas e Comparsas

    O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Cultura e Festexos que dirixe Alex Rodríguez, vén de publicar as bases para participar no XXII Desfile de Carrozas e Comparsas que se celebrará o domingo 23 de febreiro de 2020.

    Como xa é habitual, o Concello dará prioridade ás agrupacións de Salceda que poderán formalizar a súa solicitude durante a semana do 3 ao 9 de febreiro. Posteriormente, dende ao 10 ao 16 de febreiro, abrirase a inscrición para as agrupacións de calquera outro concello. As agrupacións deberán facer a súa solicitude a través da Sede Electrónica do Concello de Salceda.

    O concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez Canosa, subliñaba a importancia da que é “sen dúbida a festa máis importante de Salceda, unha festa que a veciñanza vive con paixón, cando menos dende hai 130 anos.”

    As agrupacións deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes, e poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos. Ademais, o desfile completarase co concurso de coplas no que participan todas as agrupacións. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 100 e os 700 € en función do número de compoñentes.

    Ademais da dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías: A mellor música en directo, a mellor coreografía, a comparsa máis festeira, a comparsa con maior número de compoñentes, o tema máis orixinal, o mellor vestiario, a mellor maquillaxe, a carroza máis traballada, a carroza máis orixinal, o mellor traballo en conxunto, as coplas máis divertidas, as coplas mellor recitadas e o participante de maior idade.

    Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal ou no taboleiro de anuncios do mesmo Concello.

    En Salceda, o Entroido é unha das súas festas máis importantes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo uns días antes das festas.

    A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que hai xa máis de 130 anos se ven celebrando, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estricto segredismo.

    Alex Rodríguez apuntou o traballo conxunto que se está a realizar por parte das diferentes concellerías “para que a festa sexa un éxito para as persoas participantes e para as milleiros de visitas que se achegarán ao noso Concello”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.