A ‘Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista Trezecatorze’ de Salceda de Caselas vén de organizar para o vindeiro xoves, 10 de outubro, ás 20:30 horas e no Local Social do Antigo Matadoiro de Salceda, unha interesante palestra que, baixo o título ‘Decrecemento en tempos de emerxencia climática’, correrá a cargo de unha voz máis que autorizada como é a de Carlos Taibo.
Carlos Taibo Arias (Madrid, 1956) é profesor titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, onde tamén ten dirixido o programa de estudos rusos do Instituto de Socioloxía das Novas Tecnoloxías.
Autor da frase “A globalización avanza cara un caos que escapa a todo control”, Taibo é un firme defensor do movemento antiglobalización, do decrecemento e da democracia directa. Caracterizouse polas súas duras críticas á “loxica do crecemento económico” desligándoo de conceptos como “progreso e benestar” xa que, segundo defende, o crecemento económico “afecta a todas as esferas: social, económica e política”.
Ten publicado unha dúcia de libros en galego-português e mais de 20 en castelán, moitos deles relativos ás transicións na Europa central e oriental e temas xeopolíticos de interese xeral. Os seus libros sobre o decrecemento contan con varias reedicións, o que fala ben as claras o interese que esperta este tema na sociedade.