Despois do parón obrigado polo estado de alarma para os sectores non esenciais, hoxe, na volta ao traballo, os comuneiros de Atios puideron comprobar que o confinamento, coa expresa prohibición de moverse sen xustificación, “non vai para os vándalos que o estado de alarma non vai cos que sempre queren facer mal, onde sexa, como sexa e cando sexa”.
Nestes días de confinamento a área recreativa da Veiguiña, un fermoso espazo natural propiedade dos comuneiros e de todos os veciños de Atios, que todos os anos acolle a festa do Monte, foi obxecto de destrozos por parte de persoa ou persoas descoñecidas.
Segundo os comuneiros de Atios, os destrozos foron ocasionados “por un quad de grandes dimensións, ou un todoterreo, non podemos precisar de que tipo de vehículo se trata, pero sí a ruta que seguiu e os danos que causou o seu desaprensivo condutor”.
[su_image_carousel source=”media: 14068,14070,14071,14072″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Sen ningún tipo de escrúpulo, “atravesou a longa escalinata de pedra situada no centro do recinto, e saiu por un sendeiro que discorre polas mesas da área recreativa. No seu aloucado descenso rompeu unha decena de chanzos de pedra, pezas de grosas dimensións que só un vehículo pesado puido remover”, sinalan os veciños e veciñas que subliñan o feito de que “as pegadas son evidentes no carreiro e na saída do recinto. Descoñecemos a identidade do delincuente, aínda que non desbotamos que sexa algún membro dun club de todoterreos 4×4 da contorna”.
En todo caso, os comuneiros teñen a certeza que “tivo que ser alguén que vive preto e que coñece a zona” e non se reprimen ao sinalar que “hai que ser un malnacido e persoa moi ruín para facer algo así. Trátase de causar dano por simple pracer, non hai outra explicación”.
A directiva da Comunidade de Montes puxo os feitos en coñecemento das forzas de seguridade e agardan que as pescudas dean co autor ou autores destes feitos. O certo –lamentan os comuneiros– “é que ata agora non tiveron efecto as reiteradas denuncias pola presenza de motos, quads e todoterreos no monte de Atios. Vehículos que lonxe de favorecer o desfrute do espazo natural, causan importantes danos en pistas e plantacións do monte comunal”.