O Concello do Porriño, a través da concellería de Xuventude, que dirixe Antonio Barros, fai un chamamento para as familias, as persoas maiores de 18 anos ou menores acompañados que estean interesadas en botar unha man, participen como voluntarias/os na plantación de árbores, actividade de restauración ambiental que ten como obxectivo a recuperación do ecosistema fluvial do río Couso, no seu treito final antes de chegar ao río Louro.
O río Couso é un afluente do río Louro que se estende ao longo duns poucos quilómetros polas parroquias de Cans e Atios no concello do Porriño. No seu tramo final, entre a liña de tren Porriño-Tui e o punto no que desemboca no río Louro, alberga unha elevada biodiversidade, algo habitual nos cursos de auga próximos ao Louro. Pero nos últimos anos sufriu a expansión de varias especies exóticas invasoras (EEI) que provocaron o desprazamento de especies autóctonas, alterando significativamente o ecosistema.
Para a súa restauración ambiental, o Concello do Porriño colabora coa asociación ecoloxista Verdegaia. “As intervencións que se levarán a cabo, estarán supervisadas por membros desta asociación que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental e de eliminación de especies invasoras”, explicou o concelleiro, “No final de 2023 realizamos varias actividades nese treito centradas na recollida de lixo no leito e nas marxes do río e na eliminación dalgunhas especies invasoras. Dado o éxito da actividade entre os participantes, pretendemos continuar este ano coa recuperación deste espazo natural”.
Así, o sábado 10 de febreiro en horario de 11 h a 13 h, no punto de encontro: rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior), continuarase coa plantación dalgunhas árbores na marxe do río co obxectivo de recuperar o ecosistema e fixar o solo de modo que se minimice a erosión. En concreto plantaranse ramas de salgueiro e vimieiro, que enraízan facilmente e son moi acaídas como árbores de ribeira.
As prazas están limitadas a 20 voluntarios/as por xornada.
Dende a OMIX agradecen a colaboración e solidariedade da veciñanza do Porriño. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado para esta actividade, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986337624 (ext. 1) ou nos correos electrónicos omix@oporrino.org , vigo@verdegaia.org , ata o día 9 de febreiro de 2024.