Mércores, 11 Decembro de 2024

O Concello do Porriño convoca unha concentración para demandar o proxecto pendente de reforma da travesía da Vaquería

O Goberno municipal do Porriño e a veciñanza da Vaquería acordaron, de xeito conxunto, convocar unha concentración de protesta, o vindeiro xoves ás 12 horas, para demandar á Xunta de Galicia o proxecto pendente de reforma da travesía da estrada PO-510 ao seu paso por este barrio de Budiño.

O acordo de pasar ás mobilizacións adoptouse trala reunión que o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira, mantivo cos veciños e veciñas hai poucos días e logo de solicitar, varias veces e sen resultado, unha entrevista co director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar que este departamento da administración autonómica comprometeuse hai meses a redactar o proxecto da Variante da Vaquería, unha obra que ten unha indubidable importancia non só para a mellora da seguridade viaria nese treito, senón tamén pola súa influencia na rede viaria do Porriño en relación co tráfico cara a outros concellos limítrofes e coa Autovía A-55.