Eva García de la Torre anuncia á veciñanza do Porriño que “a ansiada supresión do paso a nivel ferroviario polo centro da vila está dende hoxe máis preto de materializarse grazas a que o Goberno Central ven de adxudicar os estudos e a redacción do proxecto para a súa supresión”.
A alcaldesa foi informada esta mañá polo Ministerio de Transportes que o organismo ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) resolveu a licitación que estaba en curso. O contrato adxudicouse a unha unión temporal de empresas formada polas firmas “GOC” e “Prointec” por un importe de 854.603 €.
A alcaldesa anunciou que “de inmediato comezarán os primeiros traballos técnicos sobre o térreno coa catas para o estudo xeo técnico” segundo a información que recibiu de ADIF. Eva García manifestou que agarda que “o proxecto unha vez redactado, teña o desexable financiamento público para que se faga realidade”.
Nos últimos anos, a alcaldesa do Porriño mantivo varias entrevistas de traballo cos responsables do ADIF (a última en marzo antes da declaración do estado de alarma) para activar este proxecto tan demandado pola veciñanza.
O Ministerio explica nunha nota oficial remitida hoxe ao Concello do Porriño que a “complexidade da actuación a acometer nunha contorna densamente edificada require abordar unha serie de estudos e proxectos agora licitados cara a definir as obras que finalmente van permitir a supresión do paso a nivel”.
Entre as razóns que explican a complexidade da actuación, a nota ministerial lembra que a considerable circulación de tráfico rodado (ó redor de 6.500 vehículos diarios); de peóns que transitan por esa zona e que ademais hai unha media de 33 circulacións ferroviarias diarias.