14.6 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos presenta un “orzamento responsable” que ascende a 13 millóns de euros

    Mos presenta un “orzamento responsable” que ascende a 13 millóns de euros

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vén de pechar o orzamento municipal para o vindeiro ano 2024. Fíxoo nunha reunión co departamento de Intervención e coa concelleira de Economía e Facenda, Feli Rodríguez, e o segundo tenente de alcaldesa e edil de Coordinación Xeral e Bo Goberno, e Contratación, Leo Costas.

    Unha vez rematado o documento, foilles remitido aos grupos da oposición para que poidan consultalo previamente á súa aprobación en Pleno neste presente mes de outubro.

    Unha vez máis Arévalo aproba o orzamento municipal en tempo en forma, antes do remate do exercizo económico en vigor. Faino por décimo quinta vez consecutiva e cun orzamento, o de 2024, que marcará o inicio desta nova lexislatura.

    Nesta ocasión Mos adiántase máis que outros anos na aprobación do orzamento municipal, rematando o documento en outubro. A propia Xunta de Galicia aínda aprobou os seus orzamentos o pasado día 18 e hai varios concellos galegos traballando neles pero previsiblemente ningún o aprobará antes do mes de novembro.

    Trátase dun orzamento, que se mantén no capítulo de gastos respecto do de 2023 (13 millóns de euros), e crece no capítulo de ingresos hasta os 14 millóns pola actualización do IBI, o IAE, a previsión de recadación de 100.000 euros máis no ICIO, a revisión do Padrón das empresas que non estaban dadas de alta, para pasar a cobrarlles a taxa por recollida de lixo, (o que implica tamén unha suba dos ingresos) e actualízase tamén a taxa de cobro por uso da Piscina Municipal que non se actualizaba desde o ano 2014. Tamén se aproba unha taxa municipal polo uso de instalacións municipais, que antes viñan sendo utilizadas de balde por calquera que as solicitase co conseguinte gasto para a administración local; e recupérase o Imposto da Plusvalía.

    No caso da actualización do IBI vóltase ao tipo do ano 2020, anterior ao “catastrazo”: 0,54. Baixárase para paliar a afección do “catastrazo” aos contribuíntes mosenses en plena crise da COVID-19. E actualízase agora para evitar ir a unha Ponencia de Valores. O mínimo e o máximo legal do IBI son: mínimo 0,4 e máximo 1,20. Mos co 0,54 atópase na metade.

    A actualización do coeficiente do IAE pasando do 2,3 ao 3,3 débese aos maiores gastos que supoñen para o Concello o mantemento destas zonas debido ao maior deterioro que sofren as vías polas actividades económicas que nelas se desenvolven, polas actividades de control de tráfico ou vixianza policial que conlevan e pola maior dotación de servizos que se requiren nalgúns casos, como por exemplo alumeado ou limpeza viaria. Tratábase dunha actualización necesaria porque a actual clasificación está vixente desde 1992. (Desde entón creáronse novas zonas industriais e comerciais que merecen polas súas dotacións ou actividade unha categoría superior ás agora incluídas na primeira categoría). O IAE (Imposto de Actividades Económicas) só o pagan as grandes empresas (as que facturan como mínimo 1 millón de euros), non afecta aos empresarios máis pequenos.

    Respecto do capítulo de gastos a alcaldesa destaca como todos os anos o gasto social, que continúa a ser o maior gasto orzamentario. Ademais nesta ocasión creando unha partida específica para Igualdade e ascendendo ata os 2.418.000 euros resultantes da suma das partidas de Política Social e Igualdade.

    Coa apertura do novo Centro de Día de Torroso xestionado por a ASODIFISI, créase un convenio polo que se dota á Asociación dunha axuda anual de 10.000 euros, e tamén se crea unha nova axuda para as Escravas da Virxe Dolorosa; o Servizo de Atención Temperá sube de 95.000 a 140.000 euros pola incorporación dunha 4ª traballadora ao servizo, mantense a partida para o SAF (1.130.000 euros) e créase un novo Programa de Saúde Mental. Tamén crece a partida do Servizo Xantar na Casa de 4.000 euros a 10.000 euros por experimentar un incremento de 15 usuarios/as máis. E ademáis o Concello contratará unha 4ª traballadora social para os Servizos Sociais Comunitarios.

    Tamén crecen as partidas de Fomento do Emprego, Cultura e Educación. Nesta última a dotación económica de actividades extraescolares increméntase en 10.000 euros pasando de 10.000 euros en 2023 a 20.000 euros en 2024.

    Sube tamén a partida para o Conservatorio de Torroso de 50.000 a 55.000 euros.

    Na partida de Deportes contémplanse subvencións aos clubes de fútbol Alerta, UD Mos, UD Mos Feminino, CD Louro, Club Xadrez Mos, Club Natación Mos, Escolas de Patinaxe Mos, Rosaleira, Xiramos, Juan Ferrón, Patricia Martínez, Susana Alonso, Club Tenis de Mesa Mos, Escudería Maki-Sport e Escudería Sur do Condado.

    E, por outra banda, baixa a dotación para pavillóns polos importantes investimentos en mellora destas instalacións deportivas durante este ano.

    A rexedora local mosense destacou así mesmo que coa nova Deputación o Concello de Mos conseguiu un GES de 12 traballadores en lugar de 6 como tiña antes, polo que a partida duplícase.

    Arévalo informa de que aumenta o importe da partida destinada ao Punto Limpo e entre Sogama e o Servizo de Recollida de Lixo acádase o 1,5 millóns de euros de gasto.

    Créase unha aportación municipal para a adquisición de composteiros e xestión de biorresiduos.

    A alcaldesa tamén explicou que o Servizo de Limpeza Viaria delegarase noutra administración supramunicipal. E a área de gasto en subministro eléctrico aumenta notablemente pola suba do prezo da luz, e na partida de Parques e Xardíns baixa a dotación económica pola gran inversión en renovación de elementos de todos os parques infantís municipais durante este ano e a dedicación agora dun traballador municipal dedicado á conservación dos mesmos.

    Destaca a alcaldesa a baixada do endebedamento das arcas municipais, que se atopa xa en tan só o 20%, moi próxima á débeda cero, téndose reducido a débeda neste último ano en 613.000 euros. Así mesmo califica o orzamento para 2024 como responsable, “pois minimizamos o Plan de Inversións porque somos responsables e precisamos equilibrio nas contas e continuar coa reducción de gasto. Pero como cada ano buscarei o apoio económico doutras administracións supramunicipais como a Deputación e a Xunta a través de subvencións”.

    Por último Nidia Arévalo salientou que “este novo presuposto marcará o comezo da lexislatura dándolle maior importancia nas negociacións con outras administracións ás obras prioritarias. Así será como marcaremos a folla de ruta da lexislatura, baseándonos no noso programa electoral, aínda que o plan local de inversión sexa moi reducido. O que non impedirá manter impecable o noso patrimonio: prevemos mellorar o sistema de climatización do Pavillón Óscar Pereiro e do Multiusos das Pozas, facer unha remodelación integral da base do Servizo Municipal de Emerxencias e mellorar o parque de maquinaria do departamento de Obras e as instalacións da piscina ao aire libre de San Eleuterio”.

    “Respecto do investimento en novas obras, iniciarase con apoio doutras administracións a nova fase de Vivenda Protexida VPO en San Eleuterio, a senda de Dornelas, Porselo-Brea, (para a que xa está contemplada unha partida para expropiacións de 40.000 euros), a ampliación do Parque da Pesqueira, a nova estrada de San Cosme, saneamentos diversos e mantemento dos novos asfaltados realizados durante a pasada lexislatura e nos que se investiron máis de 2 millóns de euros e nos que faremos un esforzo para manter o asfalto e incluso incluír a construción de novas cunetas.

    Tamén se levará a cabo a 3ª Fase do Paseo do Louro. A mellora de Pereiras que inclúe a 2ª Fase da Estrada Pereiras-Tameiga e a humanización da contorna da Igrexa de San Miguel. A humanización da contorna da Igrexa de Sanguiñeda para cuxo proxecto contamos con subvención a través do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. O remate da humanización do Alto de Puxeiros para a que estamos pendentes do peche e traslado do aserradeiro alí existente. E a nova Escola Infantil do Rebullón na que a Xunta investirá case 1 millón de euros e cuxa obra será sacada a licitación neste ano. Por último destinaremos unha partida do Plan Concellos á elaboración dun Inventario Municipal de Bens”, concluiu Nidia Arévalo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.