11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiDeputación e Concello de Tui melloran a seguranza das estradas Cerquido-Ribadelouro e...

    Deputación e Concello de Tui melloran a seguranza das estradas Cerquido-Ribadelouro e Rebordáns

    Enrique Cabaleiro: “Estas actuacións responden a unha reivindicación histórica da veciñanza e espallan máis aló do casco urbano o modelo de humanizacións ao rural”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a deputados provinciais e integrantes da corporación municipal, percorreron onte as estradas EP-2502 entre Cerquido e Ribadelouro e a EP-3001 en Rebordáns para coñecer de primeira man as actuacións de mellora de seguridade viaria que se van acometer en ambas as dúas infraestruturas. Os dous proxectos, que foron presentados polo equipo de enxeñaría no Salón de Plenos do Concello, suporán un forte investimento de máis de 600.000 € que reformularán por completo as estradas para adaptalas “ao século XXI”, asegurou a presidenta, seguindo o “modelo sostible, amable, seguro, innovador e transformador, centrado na recuperación do protagonismo para as persoas” que ven impulsando a institución provincial nos últimos seis anos. 

    Na EP-3001 en Rebordáns o investimento ascende a 138.500 € para actuar na mellora da seguridade viaria dun tramo de 155 metros de estrada, achegando a Deputación o 80%, do orzamento, 110.800 €, e o concello o 20%, 27.700 €. No caso da EP-2502 Cerquido-Ribadelouro vanse investir 468.244 €, tamén para mellorar a seguridade, dos que a Deputación achegará o 70%, 327.771 €, e o concello de Tui o 30%, 140.473 €.

    “Somos unha provincia referente en canto á mobilidade universal e recuperación do espazo público para a cidadanía, ningunha outra ten un proxecto tan potente coma o noso e ningunha outra conta coa complicidade dos concellos como a de Pontevedra”, manifestou a presidenta provincial Carmela Silva. As actuacións que se van desenvolver en Tui, segundo afirmou, seguen o modelo provincial centrado en construír “lugares para mellorar a vida da xente”. Neste mesmo eido se pronunciou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen fixo fincapé na importancia de “espallar máis aló do casco urbano o modelo de humanizacións ao rural”. Para o alcalde, as actuacións de mellora da seguridade viaria na EP-2502 e na EP-3001 son unha resposta “a unha reivindicación histórica da veciñanza” e tamén “o cumprimento do noso compromiso coas zonas rurais, especialmente, en zonas sensibles e con alto valor patrimonial como a de Ribadelouro pola que pasa o Camiño de Santiago”.

    Os proxectos

    Na EP-3001 en Rebordáns actuarase nun tramo de 155 metros para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil dotando á zona dunha zona de tránsito segura coa visibilidade adecuada. Para elo executaranse dous pasos sobreelevados, limitarase a velocidade, aumentarase o radio da curva para executar unha senda pola marxe dereita e construirase outra na esquerda. Tamén se pavimentará o treito con novo firme, realizarse pintado das marcas lonxitudinais e superficiais, instalaranse novas sinais verticais e melloraranse servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións.

    Pola súa banda no treito da EP-2502 entre Cerquido e Ribadelouro actuarase nun espazo moi concorrido a nivel peonil ao atoparse a Igrexa parroquial, o cemiterio e o centro cultural de Ribadelouro. A través da reforma preténdese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade peonil, dándolle prioridade ás persoas a través dunha plataforma única adaptada ao entorno, sen diferenciación de tráficos, que manterá espazos verdes e enmarcará a contorna patrimonial con lousas de pedra. Amais o proxecto contempla o desvío do tráfico por unha vía que bordea os equipamentos públicos, a renovación da sinalización horizontal e vertical, novo pavimento, mobiliario urbano, árbores, nova iluminación e drenaxe de pluviais. Dende o 2015 a Deputación de Pontevedra investiu en Tui preto de 10 millóns de euros dos que 6,1 correspóndense co Plan Concellos e preto de dous millóns con actuacións en infraestruturas como as acometidas para a mobilidade sostible na EP-3004 (onde tamén se realizou unha obra de emerxencia no acceso á Igrexa) e na EP-2505 na parroquia de Caldelas. Ademais Tui foi un dos concellos beneficiados co Plan DepoRemse, a través do cal se realizou a mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Paramos.  No que respecta ao Plan Concellos, a vila puido financiar nos últimos seis anos ata 60 obras e contratar a 116 persoas desempregadas, 15 delas este mesmo ano.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.