9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño supera as 10.000 incidencias xestionadas a través da súa app Liña...

    Tomiño supera as 10.000 incidencias xestionadas a través da súa app Liña Verde

    A aplicación móbil Liña Verde de Tomiño chega aos tres anos de vida cun camiño de rotundo éxito. O Concello puxo en marcha esta iniciativa para ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo a través das novas tecnoloxías e, en todo este tempo, son máis de 10.000 as incidencias recibidas a través desta plataforma, das que o 93,09 % están resoltas.

    “Grazas á Liña Verde podemos organizar e sistematizar unha gran cantidade de información e, así, incrementar a eficiencia na resolución de calquera incidencia que poida aparecer”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora resalta que “contamos cun sistema a través do que a veciñanza moitas veces comunica case directamente ao persoal municipal as incidencias, unhas problemáticas que o operario ou operaria ten xeolocalizadas, o que simplifica moito todo o proceso”.

    Cunha media de 258 incidencias mensuais, os datos disparáronse nos últimos meses a causa da climatoloxía adversa, con fortes temporais que causaron importantes danos no municipio. Por este motivo, dende outubro de 2022 ata xaneiro deste ano a media mensual de incidencias reportadas subiu ata as 544, chegando a un récord de 607 en xaneiro polo temporal de Aninovo.

    Como sinala o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, “foron meses nos que se multiplicaron as avarías no alumeado público, os atascos de canalizacións, os danos en cunetas, camiños e sendas… Pero, a pesar dese contexto adverso, conseguimos solucionar a maior parte das incidencias reportadas, algo que se acelerará coa recente incorporación do persoal do Plan Concellos”.

    As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relaciondas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer máis do 40% das incidencias comunicadas. Séguelle xa de lonxe as relacionadas co lixo (8,95 %), as escolas (7,48 %), a vía pública e obras (6,54 %) e as fochancas (5,64 %).

    O Concello de Tomiño puxo en marcha esta plataforma de xestión de servizos no ano 2020 e dende entón demostrou que permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias sinaladas pola veciñanza, que cada vez usa máis a app. Coa Liña Verde foméntase ademais a participación cidadá e créase unha liña de comunicación directa co persoal municipal, que reciben as incidencias nas súas táblets e que son supervisadas polos concelleiros e concelleiras responsables en cada área.

    Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a utilizar este servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai moitos anos. Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.