As concelleiras socialistas de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa definiron como “nefasta” a postura do goberno nacionalista de Tomiño ante a situación económica do Concello logo de que no Pleno ordinario celebrado o pasado xoves, procedérase a unha moficiación de crédito por valor de 346.223,92 euros, para poder facer fronte a partidas orzamentarias que están sendo incrementadas polo aumento dos prezos dalgunhas materias primas.
“Si ben é certo que a situación actual a nivel mundial era difícil de prever, tamén é certo que xa no Pleno onde se aprobou o orzamento municipal, quedou constancia de que este sería un ano compricado a nivel económico” explica a portavoz socialista Violeta de Santiago.
De Santiago criticou unha xestión froito de decisións políticas erróneas e de encadenar modificacións de crédito levadas ao Pleno para acometer obras “non prioritarias cun claro afán electoralista neste ano de precampaña”, asevera.
O efecto destas decisións, matiza a concelleira socialista, é que na actualidade “o Concello ten as arcas municipais valeiras e o remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros fundido” o que leva a unha situación na que, en palabras de Intervención, podería perigar o pago do subministro eléctrico. As concelleiras socialistas pregúntanse que pasará no caso de que se produza unha emerxencia social en Tomiño.
Esta crise afecta tamén á obra da futura biblioteca municipal que, neste momento, está parada e non se descarta que a empresa adxudicataria renuncie a rematala. “O proxecto estrela do BNG na campaña electoral do 2007, que foi presentado hai 5 anos, que endebedou a Tomiño en 1 millón de euros máis e comprometeu fondos do programa Reacpon da Deputación de Pontevedra, pode que quede nun esqueleto de puro formigón afondando no feísmo urbanístico, e o que é peor, a veciñanza sen ese esencial servizo”, advirten Violeta de Santiago.
Por todo isto as socialistas definen este último mandato do bloque como “a confirmación dun goberno esgotado e desgastado que tan só actúa por impulsos electoralistas e que levaron a Tomiño a unha situación económica realmente preocupante”.