9.6 C
Pontevedra
Domingo, 3 de Decembro de 2023
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaMáis de 1.000 nenos de Tomiño e Cerveira coñecen ‘A pequena gran...

    Máis de 1.000 nenos de Tomiño e Cerveira coñecen ‘A pequena gran historia’ da Eurocidade

    Para conmemorar o Día da Cooperación Europea, a Eurocidade Cerveira-Tomiño entregou este mércores a guía turística ‘A pequena gran historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño’ a máis de 1.000 nenos de entre 6 e 12 anos de ambos os dous concellos. Coincidindo co arranque do ano escolar e grazas á colaboración do profesorado, este reparto adquiriu unha dimensión máis divertida e interactiva ao ser levada a cabo polas mans da simpática mascota Mizi.

    Tomiño e Vila Nova de Cerveira pretenden afirmarse así cada vez máis como un “destino amigo das familias”, aproveitando as súas potencialidades naturais, patrimoniais, culturais e de lecer en prol dunha experiencia realmente única. Neste sentido, esta publicación ilustrada procura dar a coñecer os lugares máis emblemáticos a visitar neste territorio transfronteirizo.

    Cun perfil moi amigable e un discurso accesible, Mizi asume o papel de guía turístico e promete conquistar a atención das familias. A través de diferentes episodios, como a vida castrexa e a chegada dos romanos, a independencia de Portugal, a Guerra da Restauración ou a Invasión Francesa, Mizi explica a evolución histórica deste territorio transfronteirizo sen esquecer a realidade actual.

    O carácter didáctico arredor da historia de cada concello e das relacións transfronteirizas comúns que, de maneira informal, sempre existiron e que serían impulsadas coa constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño en 2018, xustifica esta acción destes municipios ante a comunidade escolar. Ademais de captar a atención da cativada para a singularidade desta cooperación entre dous territorios de dous países, a oferta da publicación enmárcase tamén nunha acción de incentivo a hábitos regulares de lectura.

    ‘A pequena gran historia – Eurocidade Cerveira Tomiño’ está contada combinando os dous idiomas, optando por usar un ou outro de acordo co idioma no que foi escrito o texto orixinal e distinguíndoo coa súa bandeira respectiva. O obxectivo é tamén destacar a proximidade lingüística, derivada dunha orixe histórica compartida, e que contribúe a reforzar aínda máis os lazos de amizade.

    É importante salientar que a publicación é resultado da aprobación do proxecto 0780_AMIZADE – Institucionalización Estratéxica da Cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP 2014-2020.

    Destácase tamén que o Día da Cooperación Europea celébrase anualmente o 21 de setembro con múltiples accións dinamizadas en diversas rexións de Europa que buscan subliñar o potencial e a riqueza cultural presentes nos diferentes países que forman parte da Unión Europea.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.