13.9 C
Pontevedra
Sábado, 22 de Xuño de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Oficina de Turismo de Oia atendeu a máis de 8.000 persoas...

    A Oficina de Turismo de Oia atendeu a máis de 8.000 persoas neste verán

    Un total de 8.218 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia nesta tempada de verán, na que dúas técnicas de turismo contratadas polo Concello prestaron servizos de información entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. Segundo as estatísticas recompiladas polo persoal da oficina, situada no casco histórico (barrio do Arrabal), do total de 8.218 visitantes, 3.560 foron peregrinos e 4.658 turistas.

    O total de visitantes rexistrados neste verán supón un aumento de 1.598 persoas respecto ao verán de 2018, cando se rexistraron 6.620 visitantes (dos que 1.968 foron peregrinos e 4.652 turistas). Comparando os resultados obtidos nos dous períodos, destaca especialmente o incremento de persoas que fan o camiño da Costa ao seu paso por Oia.

    En canto aos principais lugares de procedencia dentro de España, destacan os visitantes doutros puntos de Galicia (1.146 persoas) e da Comunidade de Madrid (1.162 persoas), seguidos das persoas que viaxaron desde Castela e León (554) e Andalucía (449).

    No que respecta a visitantes de outras nacionalidades, detectáronse persoas procedentes de máis de 40 países distintos, sendo Portugal (con 1.116 visitantes) o principal lugar de procedencia. A bastante distancia séguenlle países como Italia, Alemaña, Francia e Inglaterra.

    Os principais comentarios expresados polas persoas que pasaron pola oficina de turismo foron relativos á beleza da paisaxe, o Mosteiro de Oia e a oferta de restauración do municipio.

    O servizo de información na oficina foi prestado por dúas técnicas de turismo. A contratación dunha delas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención que cubriu o 75 % dos custos totais.

    Novo material informativo

    Por outra parte, o Concello de Oia vén de publicar diversos materiais de promoción turística do municipio, que estiveron dispoñibles durante todo o verán para as persoas que se achegaron pola oficina de información turística situada no Arrabal (Praza da Centinela). Principalmente reeditáronse os materiais con maior demanda e tamén se publicou algún novo folleto.

    A principal novidade deste verán foi o políptico titulado ‘Oia, vida en estado puro. + de 35 lugares que visitar’, o cal reúne información sobre os principais atractivos turísticos e patrimoniais do municipio (Mosteiro de Oia, Pozas de Mougás e de Loureza, castro e petróglifos da Cabeciña, Pozo do Arco, Camiño Portugués da Costa, etc.) xunto cun detallado plano.

    Así mesmo, reeditáronse dous dos materiais máis solicitados: a guía turística de Oia (un caderno de 15 páxinas a cor con textos, fotografías, mapas e información práctica sobre recursos turísticos e servizos do municipio) e o tríptico informativo sobre a Igrexa do Mosteiro de Oia. Este último folleto, titulado ‘Unha paisaxe por descubrir: Mosteiro de Santa María de Oia’, foi elaborado por Acamo (Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia) e contén información histórico-artística.

    Para a publicación de todo este material, o Concello de Oia contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019, liña 2.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.