Luns, 9 Decembro de 2024

Os concellos do Baixo Miño seguen reclamando unha cita co conselleiro de Sanidade

A comezos de xullo os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño mantiveron unha reunión para falar da situación da sanidade pública na comarca e, daquela acordaban solicitar unha reunión co Conselleiro de Sanidade. Desde entón, explican “seguimos á espera dunha resposta”.

O asunto que protagonizou hoxe a reunión da Mancomunidade –a que pertencen os concellos de Tui, Tomiño, A Guarda e O Rosal– foi a situación de precarización da sanidade pública, e a preocupación existente pola falta de medios materiais e persoais. Os alcaldes e alcaldesas  non entenden “como a Consellería pode seguir sen responder á solicitude de reunión co conselleiro de Sanidade”.

A Mancomunidade do Baixo Miño “reclama publicamente unha resposta inmediata á solicitude de cita co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña”. A sanidade pública, afirman as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade “é un dereito e debera ser unha prioridade por parte da Xunta de Galicia. Trátase da saúde e en definitiva da vida das persoas”.

Desde a Mancomunidade consideran que “é inconcibible” que o conselleiro non responda á solicitude de reunión dos representantes públicos da veciñanza do Baixo Miño.