7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal sairá á rúa en defensa da Sanidade Pública

    O Rosal sairá á rúa en defensa da Sanidade Pública

    O progresivo empeoramento do sistema de sanidade pública que se en Galicia afecta, especialmente, aos municipios do rural e O Rosal non se escapa a este problema que as autoridades sanitarias non parecen saber, –ou querer– atallar.

    O vindeiro martes 23 de xullo está convocada unha concentración na Praza do Calvario do Rosal, ás 20:30 h á que poderá asisitir toda a veciñanza, e na que a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís exporá os motivos polos que o Rosal precisa de unha mellor asistencia sanitaria.

    Tal e como explica o Concello do Rosal, a Alcaldía tivo coñecemento extraoficial, por notificación oral do responsable do Centro de Saúde do Rosal, o doutor Antonio Tato Fontaíña, de que desde o día 25 de xullo, o Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón deixará de contar co seu médico por un permiso concedido á titular ata finais do presente mes.

    Por outra parte, o citado facultativo tamén informou ao Concello que nos meses de xullo e agosto “non van ser cubertas as vacacións dos dous médicos titulares do Centro de Saúde do Rosal e que o médico do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón desprazarase para atender tanto aos seus pacientes como aos do outro médico no Centro de Saúde do Rosal, quedando así novamente sen atención médica o citado Centro de San Miguel de Tabagón”.

    As consecuencias prácticas de todos estes feitos, de materializarse, serían que durante todo este tempo o municipio contaría tan só con dous profesionais médicos na Atención Primaria, cando habitualmente conta con tres e que os pacientes do Centro de Saúde de San Miguel deixarían de ser atendidos no seu Centro de Saúde para ser atendidos no Centro de Saúde do Rosal. Esta información foi confirmada polo Concello nunha conversa telefónica mantida onte con Félix Ruibal, xerente de estrutura organizativa de xestión integrada do SERGAS.

    Segundo explica o Goberno local, esta situación vense repetindo sistematicamente nos últimos anos, dando como resultado “un deterioro inadmisible da calidade da Atención Primaria no noso concello que, por outra parte, non conta xa habitualmente co persoal sanitario que lle correspondería”. Cómpre salientar que O Rosal, é o Concello da Comarca do Baixo Miño cun peor rateo de pacientes por persoal sanitario e persoal médico, superando todos os máximos recomendados polas diferentes organizacións de saúde. Este feito constatouse no acordo plenario aprobado pola unanimidade do pleno o pasado 30 de marzo de 2019 do que, o Concello, ofrece algúns datos que corroboran estas afirmacións.

    • O Concello do Rosal conta, para unha poboación estimada aproximada de 6.349 habitantes, cunha dotación de persoal sanitario formada por 3 médicos de familia, 3 enfermeiras, unha pediatra que pasa consulta tres días por semana e 1 auxiliar de enfermería. O persoal médico ten un total de 4.701 Tarxetas Individuais sanitarias (TIS), repartidas por médico en 1.502, 1.643 e 1.556 respectivamente.
    • A OMS recomenda unha rateo de pacientes por médico máximo de 1.200. Pola súa banda, a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN) recomenda unha rateo de 1.300 pacientes por médico e indica que esta non debería superar nunca os 1.500. No caso do Rosal, todo o persoal médico ten unha rateo que excede tanto as recomendacións como os máximos admisibles. Neste caso, e tendo en conta o número de habitantes, ao Rosal corresponderíalle 1 médico/a e 2 enfermeiros/as máis, ademais de 1 pediatra con dedicación total e unha matrona.
    • Polo tanto, tal e como se expuxo, ao non cubrirse con persoal substituto as vacacións dos médicos titulares, quedarían soamente dous médicos para atender a un total de 4701 pacientes, e é por iso que desde esta alcaldía lembrámoslle que a súa obriga é a de garantir un servizo de Atención Primaria que cubra as necesidades da poboación, polo que esperamos que modifiquen a súa decisión e cubra con persoal contratado as vacacións, baixas e permisos do persoal médico dos nosos Centros de Saúde.

    A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández Callís deixa claro que, dende o Goberno local “apoiaremos e defenderemos a Sanidade Pública. Faremos todo o que estea na nosa man para conseguir que a Consellería de Sanidade e o SERGAS cumpran coa súa responsabilidade e garantan o servizo habitual de Atención Primaria do noso Concello”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.