Luns, 19 Maio de 2025

O Rosal contratará a un socorrista para a praia das Eiras durante xullo e agosto

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño

O Concello do Rosal vén de poñer en marcha o proceso selectivo para a contratación dun/ha socorrista para prestar servizo na praia das Eiras durante o meses de xullo e agosto. Será un contrato temporal a xornada completa no que a persoa contratada deberá desenvolver tarefas de vixiancia, prevención e salvamento de bañistas e demais persoas usuarias que acudan durante a tempada estival a esta praia e á súa contorna, así como o control das medidas sanitarias derivadas da nova normalidade consecuencia da crise do COVID.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño a través do Rexistro ou na sede electrónica do Concello ou ben cun xustificante de presentación de solicitude a través doutro medio ao correo electrónico [email protected] ou ao fax 986626034. As solicitudes deben ir acompañadas da documentación requerida nas bases do proceso selectivo, entre a que se atopa a copia da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

A selección realizarase a través dun concurso-oposición no que se fará unha valoración dos méritos por experiencia profesional, por cursos de formación e perfeccionamento e por coñecemento da lingua galega. Ademais faranse unha serie de probas prácticas obrigatorias e eliminatorias.